Opinión

O artigo de Manuel Veiga

Refírome ao último artigo publicado neste dixital. Confeso que me resultou incomprensíbel. Manuel Veiga convértese en recensionador do recensionador (un artigo de Francisco Rodríguez, publicado nestas mesmas páxinas, en que se fai a crítica da obra sobre Rosalía de Castro da profesora Mª Xesús Lama), e, ao facelo, precisa, ao que se ve, incluír tal carga de penalización psicomoral que me deixou abraiada. Eu teño por costume ler os artigos de Manuel Veiga (desde moito tempo atrás); tamén algún dos seus libros e nunca se me ocorreu relacionalos cos seus (supostos) estados de ánimo, xorne ou psicoloxía, mais el, neste que comento, apóntase ao vello deporte de prexulgar, compoñer un retrato prexuiciado e acusar, cal fiscal de ocasión, de defeitos varios. Vexamos.

Polo que me coubo ler no seu día, o profesor e investigador Francisco Rodríguez realizou unha ampla crítica da obra que antes citei. Lina atentamente, porque, tamén recentemente, lera a obra en cuestión. Adiantarei que, se eu fose a autora, estaría ben agradecida de que un especialista en Rosalía de Castro da talla, obra, bibliografía e achados como Francisco Rodríguez parase a facer a crítica sobre unha nova achega á bibliografía da nosa escritora principal. Manuel Veiga afirma que lle “parece” a súa argumentación “aguda e fundamentada”. Supoño que esta opinión estará baseada na leitura da obra toda de F. Rodríguez dedicada a Rosalía (ou, ao menos, a máis recente e volumosa) e, ao tempo, que leu asemade a obra da profesora Lama. A cuestión non é o que nos “pareza”, senón a verificación do sentido, veracidade e posibilidade de documentación do que se afirma. Eu non vou facer, por miña volta, de comentarista do recensionador, mais si aseguro que todas e cada unha das afirmacións, valoracións e falencias reseñadas son comprobábeis. Non se trata de deostos nen moito menos de xuízos caprichosos. Só direi que a min propria, universitaria como a profesora Mª Xesús Lama, tamén me estraña grandemente que se ignoren na súa obra principios básicos dunha investigación científica: ausencia de entradas bibliográficas recentes ou históricas; afiliación de fontes; declaración de débedas; discriminación interpretativa da bibliografía utilizada (o avanzo do coñecemento non funciona por xustaposición senón por peneira crítica); falta de conclusións e, aínda, a esta altura do filme histórico, unha declaración fundamental: ou ben somos capaces de achegar datos realmente novos ou, se non, haberemos de apontarnos a realizar unha síntese do coñecido  -coa atribución autorial correspondente- sempre co dereito, claro está, a disentir do que for ou a arriscar a nosa propria interpretación novidosa. Boto en falta, como dixen, na obra de Mª Xesús Lama, estes requisitos. Podería estenderme moito máis, mais, como dixen, non é este o obxecto do meu comentario.

Confeso, Manuel, que me resultou vulgar en extremo o contido da túa descrición

Nunha sorprendente reviravolta, Manuel Veiga veste a toga de fiscal e ensaia o seu dedo acusador. Confeso, Manuel, que me resultou vulgar en extremo o contido da túa descrición. Falo de vulgaridade intelectual-política, claro está, isto é, da vella, vellísima, operación descualificadora baseada en preconceitos, suposicións, xuízos de intención, petición de principio, en suma, para rematar na sanción final. Exactamente, na lóxica que estudamos no bacharelato, unha petición de principio, como digo. Fica así o recensionador aqueloutrado, desfigurado, como dono dun “enfado irremediábel”; responsábel de considerar “canallas intelectuais” (nada menos!) os que non pensan coma el; considerarse coa “exclusiva patente de honradez”; incapaz de recoñecer quen non está ao cento por cento de acordo con el... Alguén dá máis? Acredita de verdade Manuel Veiga que este é o retrato científico-político que lle acai ao “retratado”? Como se compadece esta fotografía de trazos grosos coa afirmación de el ter feito (“parece”) unha crítica “aguda e fundamentada”? En que quedamos? Leu Manuel Veiga a última obra en libro de Francisco Rodríguez dedicada a Rosalía de Castro (Rosalía de Castro: estranxeira na súa patria. A persoa e a obra de onte a hoxe; AS-PG, 2011; 700 páxinas)? Se así foi, observaría que cita toda a bibliografía pertinente; dialoga criticamente con ela; documenta todos os asertos que realiza; achega valoracións e interpretacións baseadas en datos verificábeis. Etcétera. Existe nalgures pontificación dogmática? Descualificacións gratuítas? Manuel Veiga, en fin, ou confundiuse de persoa ou non coñece aquilo que condena.

Manuel Veiga, en fin, ou confundiuse de persoa ou non coñece aquilo que condena

Hai un pormenor, a maiores, que me compete aclarar. Hai cousa de seis anos, compañeiras e compañeiros de asociacións culturais galegas fixéronme a honra de me nomear presidenta da Federación Galiza Cultura. Unha das iniciativas novas que aprobamos este ano foi a de concedermos o Premio Nacional Galiza Cultura a Francisco Rodríguez, por “50 anos ao servizo da cultura galega”. Entregámosllo en Serantes-Ferrol no pasado día 22 de Abril. Trescentas catro persoas nos acompañaron; foi acto público; apontouse quen quixo e puido; discorreu magnificamente ben; interviñeron Elia Rico, Nemesio Barxa, Norberto Tabarés, Xoán Carlos Garrido, Xoán Costa e unha servidora. Sobre a marcha, Balbino Pérez Bellas e César Varela. Clónicos? Fotocopias dalgún prototipo? O defeito ou anacronismo que se nos pode apor é, en todo caso, a demora en facelo, non en absoluto nengunha “aspiración” do homenaxeado, que endexamais se caracterizou por procurar agasallos ou honras. Segundo Manuel Veiga, debería “aspirar” a merecer os parabéns dos que están de acordo con el ao 70%. Of course! Ou o 50% ou o 20%! Ou cero, en querendo recoñecer, sen máis, o traballo de alguén que dedicou os seus afáns e esforzos a elevar a condición cultural da Galiza, ou, simplesmente, amigas-os agradecidos. Agora resulta que é o destinatario ou destinataria dalgunha distinción quen ten que “aspirar” a detectar a orixe e variedade dos homenaxeadores. Laus Deo! Estexa tranquilo Manuel Veiga: cando voltemos a programar unha iniciativa semellante, xa nos ocuparemos de identificar ben as “aspiracións” do interfecto ou interfecta e, xaora, o seu perfil psicopolítico-moral, non vaia ser que se nos deslice algún indesexábel. Mais... digo eu: seremos quen de esixirmos esta pauta a tutti quanti, ás institucións públicas que todos pagamos, á cultura oficial, ás prácticas gobernamentais? Problema non menor. Habemos de o estudar.

Comentarios