luns 01/03/21

Novolatría

A nena foi toda contente onda seu pai para o informar de que aquel día, na escola, aprendera unha operación “nova”, que se chamaba “división”. O pai felicitouna polo aprendizado, mais ela teimou en lle facer saber que se trataba dunha operación nova, por tanto, que el non podería coñecer. “Non entendes nada, retrucou a pequena encabuxada: é unha operación NOVA que se chama división!”. A mestra encarecería a novidade daquel día para fixar a atención do alumnado, e esta pequena versionou a novidade escolar como absoluta: era unha operación acabada de inventar e ela tiña o privilexio de a coñecer. Típico da lóxica infantil: o mundo existe para os infantes o descobriren, existe por e para eles.

O problema, a “novidade”, xorde cando esta mentalidade infantil se traslada á adolescencia e á vida adulta. Recordo unha tese de licenciatura, hai moitos anos, en que o tesinando escrebera, nun certo lugar: “... neste ponto, coincide con nós a doutora García Negro”. No meu turno de intervención, como membro do tribunal, limiteime a sinalarlle que non invocaba criterio nengún de autoridade senón, simplesmente, unha cuestión cronolóxica: cando servidora publicara aquel aserto, o tesinando estaría facendo a primeira comuñón. Cuestión de antecedencia no tempo, sen máis. Todos rimos, e ignoro se a advertencia valeu ou non no futuro desempeño académico do examinando. Posibelmente, o descrito, síntoma tamén dunha “febre” xuvenil, que a todos nos afectou, en virtude da cal demos por “descobertas” moitas cousas xa escritas, investigadas, analisadas, valoradas, publicadas... Nos anos de ensino con nenas e adolescentes, cumpría alertar sempre da concepción linear da historia, que as levaba a considerar “atrasado” ou falto de modernidade o antigo, como se un avanzo técnico dos nosos días anulase ou minguase o valor do dito, escrito ou feito en tempos pasados.

Nos nosos tempos, asistimos, máis unha vez, a unha apoteose da novolatría. O novo, o recente, o actual, é o bon. O vello, sinónimo de caduco, periclitado, non merecente de consideración. Elévase aos altares a nova política (?), a centralidade da mocidade, a súa entronización. Triste paradoxo, cando, hoxe, as posibilidades de que o estudo sirva para algo útil socialmente, e as expectativas dun traballo digno e dunha emancipación económica, minguan a marchas forzadas. Examínese a pirámide de povoación galega e considérese, en consecuencia, a que público se dirixe a mensaxe política. Como galegas e galegos, coido que sería ben ter en conta sobre que se construiu e fortaleceu o nacionalismo actual, o que obrigaría a unha redefinición do “novo”. O actual, o recente, non é sinónimo de “moderno”; é, simplesmente, o que acontece agora, para, por imposición dunha nova moda, ser substituído mañá. Fai parte, esta tiranía novolátrica, do desprezo-ignorancia da historia, que non ten nada de inocente, pois está teledirixido ideoloxicamente. Falemos de nacionalismo, de feminismo, de produción cultural, de ecoloxismo...: no histórico destes movementos, hai moito edificado, moito “moderno”. A “novidade”, talvez, consistirá en facelo real.

comentarios