Opinión

Nota de María Pilar García Negro ás compañeiras de Vigo

Queridas compañeiras:

Ante a imposibilidade de acompañarvos neste acto, polo que vos felicito, xa que teño de intervir noutro da Coruña, quero que chegue, ben alta e clara, a miña mensaxe de adhesión á compañeira ANA PONTÓN e a miña alegría por ser ela voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego e candidata á Presidencia da Xunta de Galiza.

Permitídeme que lembre algo persoalmente moi satisfactorio. Ana Pontón foi a compañeira que me relevou no Parlamento Galego cando eu o deixei en Xaneiro de 2004. Correspondeulle polo lugar ocupado na listaxe da Coruña. Desde aquela, seguín con toda a atención e interese o seu traballo e puiden comprobar o rigor, seriedade e perseveranza dun labor institucional, social e militante que non raleou nengún esforzo para expandir o nacionalismo galego, o feminismo e a necesaria conciencia sobre nós, tan precisada de voces valentes e firmes.

Nestas próximas eleicións, a candidatación de Ana Pontón reloce con todo o brillo dunha novidade, non só para o BNG, senón para a política galega toda. É a primeira vez que unha organización política galega candidata unha muller

Nestas próximas eleicións, a súa candidatación reloce con todo o brillo dunha novidade, non só para o BNG, senón para a política galega toda. É a primeira vez que unha organización política galega candidata unha muller. Non se me oculta que existe outra candidata, mais debo advertir que non considero novidade que “Libertad Digital”, “Telemadrid” e “Galicia Bilingüe”, baixo o paraugas de “Ciudadanos”, desprace unha “cunera” coa encomenda de funcionar de empresa auxiliar do Partido Popular.

Coido que a candidatura de Ana Pontón debera ser aclamada por todas as mulleres galegas e, nomeadamente polas que se declaran feministas, independentemente da opción política que votaren. Significa un triunfo de todas nós e como tal debera ser recoñecido. Non o facer equivale a opacar, por sectarismo e nula solidariedade feminina, un feito relevante que ficará escrito na historia da nosa nación.

Coido que a candidatura de Ana Pontón debera ser aclamada por todas as mulleres galegas e, nomeadamente polas que se declaran feministas, independentemente da opción política que votaren

A historia continuará após o día 25. O Bloque Nacionalista Galego declarou a política feminista un ben público, unha necesidade programática, en 1995, pouco despois de ter promovido no Parlamento a constitución da Comisión para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres, que funcionou desde 1994 e foi o foro parlamentar que acolleu máis organizacións e entidades de mulleres, feministas, e todas aquelas outras a quen interpelamos sobre o complexo universo do sexismo, das discriminacións e violencia contra as mulleres, oferecéndomos sempre alternativas a toda a problemática debatida. 

Ana Pontón ten atrás de si un aval inmenso de traballo, de experiencia e de humanidade. Acompañarémola nunha viaxe que aínda ha de cobrir moitos tramos, moitos fitos.

Unha aperta grande da vosa compañeira

María Pilar García Negro

Galiza (A Coruña), 16 de Setembro de 2016. 

Nota: O acto ao que se refire Pilar García Negro neste artigo é o que este sábado 17 de setembro vai protagonizar Ana Pontón ás 11.30 horas en Vigo (Terraza Cafetería Sifón-Urbán, na sede do Colexio de Arquitectos, na Praza do Pobo Galego). sob o título de Feminismo para un tempo novo.

Comentarios