Opinión

A nosa identidaz

Cadroume ouvir un corte radiofónico do recentemente nomeado conselleiro de Cultura e de Educación, onde mencionou a lingua galega e a cultura como elementos fundamentais da nosa identidaz. 

Cadroume ouvir un corte radiofónico do recentemente nomeado conselleiro de Cultura e de Educación, onde mencionou a lingua galega e a cultura como elementos fundamentais da nosa identidaz. Para nada vou facer identificación automática ou mecánica deste castelanismo con este novo cargo público. Ben sei o asentadas que están as “verdá” ou “verdaz” e tantos castelanismos máis, e o difícil que resulta desterralos. Non hai máis que atender á dificultade extrema que encerra a palabra “crise” para o presidente da Xunta, que sempre a usa como “crisi” ou directamente “crisis”. Temos que ser benevolentes. Hai que recoñecer que o galego é para algúns galegos o idioma de máis difícil adquisición ou fixación. O galego non ten a culpa, claro está. Tena unha exigua ou nula motivación, porque a identidade pretendida é outra e, daquela, o galego público impostado é un postizo, unha especie de sublingua que pouco importa falar ben ou mal. O actual conselleiro citado ten unha magnífica fonética. Mágoa que sexa utilizada  -doutro xeito, endexamais sería nomeado-  e  vaia servir ás políticas que esmagan na práctica o alto valor concedido nominalmente á lingua e á cultura. 

O galego público impostado é un postizo, unha especie de sublingua que pouco importa falar ben ou mal

Mais voltemos á identidaz e permítaseme a brincadeira para lle oferecer ao novo conselleiro algúns exemplos de identidaz práctica, isto é, das marxes de galeguidade que se nos consenten e, na outra face da mesma moeda, da inclemente españolización programada. Algo que alimenta sen dúbida a identidaz é dedicar minutos e minutos de programación na radio pública galega a un asunto vital como a conveniencia ou non de que Cristiano Ronaldo mantivese a celebración dunha macrofesta de aniversario após un sonoro fracaso golístico da súa equipa, o Real Madrid. ¿A ninguén se lle ocorrerá computar a minutaxe dedicada a asuntos galegos nas emisoras de radio-televisión españolas? Igualmente, boa mostra da identidaz é, na mesma emisora, tratar de desprestixiar ou de invalidar a actividade e a mobilización de Queremos Galego por o seu portavoz, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, ser militante nacionalista. Máis unha vez, os defensores, propagandistas e practicantes da lingua galega, culpabilizados ou marcados por seren responsábeis da súa defensa. A militancia ferreña en contra do galego, a súa non-utilización, esas non se mencionan, xaora. Non se pode ofender ao amo. 

En fin, concluamos cunha nova ben positiva para a nosa historia, para a nosa (agora, si) identidade: o magnífico legado de Álvaro Gil retornou ao Museo Provincial de Lugo, mesmo que fose obrigando á Deputación, titular do mesmo, a desembolsar alta soma de diñeiro aos descendentes do legador. Benia a Mario Outeiro, deputado polo BNG, responsábel  de Cultura daquela institución, por perseverar na devolución a este centro, a Lugo e a toda a Galiza, de todos os tesouros histórico-artísticos que agora poderán ser contemplados e coñecidos de novo.

Este artigo viu a luz no número 133 de Sermos Galiza, disponíbel nos quiosques e, na súa versión dixital, na nosa loxa.

Comentarios