Opinión

Non existe a tradución automática

A "maquinización" galopante a que estamos submetidos atinxe tamén, como non, a propria lingua, o distintivo humano por antonomasia. A comunicación verbal xa está resentida dabondo, o mesmo que a atención persoal. Estamos fartas de ouvir mensaxes do tipo "Todos nuestros agentes están ocupados... en breves minutos le atenderemos" ("agentes": que ironía!). Gravacións repetidas unha e outra vez, nun rodopío inclemente que esgota a paciencia do máis calmado. Neste ronsel delirante de considerar que todo cabe na máquina, todo se pode alterar ou manipular, todo se pode converter en produto mercantil coa mínima intervención humano-laboral..., tamén se apresenta como un grande avanzo a chamada tradución automática. No noso caso, somos ben coñecedores da "tradución diglósica":  "Te es una vieja persona" (do español "bella persona"); "el domingo no te puedo ir echar" (votar, igual foneticamente a botar); "aún te cogemos bien" (por se acomodar nun apartamento)... e tantos exemplos máis, reveladores do gran beneficio que o español causou e causa na lingua galega, na nosa socioloxía e na nosa psicoloxía. Un esperpento.

Que nun texto oficial apareza "Cueros", por Coirós, "Desfiladero", por Foz, "María Gallina", por María Pita, "Mordisco", por Trabada, é ben elocuente de que a base con que se opera é o español, como en tantos disparates á inversa que temos lido: "Porto Ledo", por Porto Alegre; "Padiola", polo inglés Camilla; "Padre Bacelo", por Padre Sarmiento; "María do Alicerce", por María do Pilar... e millenta exemplos máis, todos eles aparecidos por escrito. A "máquina" –isto é, a censura que alguén introduciu nela– tamén substituíu o meu segundo apelido por "Moreno" en varias ocasións. Vese que o eufemismo da negritude tamén fai tabú da palabra. O "moitas grazas" dunha comunicante chegoume ao telemóbel como "mocitas grasas". Bravo!

As tradutoras e tradutores de textos literarios saben ben do complexo e delicado do seu oficio, tanto na prosa como na poesía. Nesta, en se tratando de linguas próximas, sempre será mellor acompañar o texto orixinal dunha versión explicativa na lingua de recepción, que o axude a comprender. É moita historia, moita práctica social, moita especificidade cultural... a que encerra unha lingua para poder realizar nela traducións "automáticas". Se a alguén se lle ocorrer traducir os versos "Airiños, airiños, aires / airiños, levaime a ela", por "Airecillos...", destruirá o poema e o seu sentido, o mesmo que noutros moitos diminutivos con forte carga afectiva (ou irónica ou angustiada) que non indican en absoluto diminución do substantivo.

Os ilusionistas da tradución automática falan da necesidade de aperfeizoaren os modelos, de lles introduciren elementos correctores que atinen a trasladar o significado correcto. Coido que o esforzo é inútil. Non é xa que a "máquina" non saiba traducir todos os elementos enfáticos da lingua, os duplos sentidos, a ironía, o sarcasmo e tantos recursos máis da comunicación verbal. É anterior a todo isto. É que a lingua non é mecánica, non é un automatismo, non é un encrucillado. Neste, o que se nos pede é que encaixemos un único termo na definición proposta. Mais a lingua non é un encrucillado: é un código complexo, pola súa mesma acumulación de experiencia social e de creación colectiva. Unha outra cousa é que se tencione simplificar ao máximo a nosa expresión, correlato da simplificación-ignorancia que tanto beneficia ao sistema que nos domina: perfeito paralelo entre e a pobreza verbal e o control de conciencias e vontades. 

Comentarios