domingo 09/05/21

De mulleres e de vacas

A cónxuxe do actual Xefe do Estado español, o rei Felipe VI, a raíña por tanto, procede profisionalmente do mundo da comunicación, en concreto, da que posúe maior visibilidade e megafonía, a televisión. As crónicas da prensa dominante falan adoito do relevante papel do director do gabinete do actual presidente do goberno español, a quen atribúen rol de xefe político e de orientador ideolóxico en importantes decisións. A súa función sería realmente sistémico-española, pois antes de a este amo (PSOE) serviu a destacados dirixentes do PP, así que se podería falar dun técnico de alto nível, cunha folla de servizos polivalente e intercambiábel. Proba, en todo caso, de como a política actual está irremediabelmente penetrada das técnicas do marketing e de como a defensa dun proxecto se substituíu pola venda dun produto (a americanización rampante).

Nesta mestura de política-comercio-publicidade-cultura urxente, hai dous ingredientes do catálogo do politicamente correcto que non deben faltar: o ecoloxismo e o feminismo, quer dicer, unhas doses calculadas da versión de ambos movementos que din ben, que vesten a mensaxe, que nada mudan nen nada removen social nen politicamente, mais que serven a moda. Son estabilizadores, pois. Nesta secuencia, chegamos a contemplar mensaxes absolutamente sorprendentes. A toda plana, unha empresa láctea (da cal son consumidora, por galega e por usar ás veces do galego publicitariamente), oferécenos a imaxe dunha gandeira ou traballadora da empresa (Leyma) co identificador “Xente Auténtica”. Ela pousa a man no lombo dunha vaca (frisoa) e dinos: “Chameille Emilia pola Pardo Bazán; sempre me pareceu unha vaca moi feminista”.

Laus Deo! Unha vaca “feminista” ?????. Como serán, logo, as vacas “machistas”? Nos meus recordos infantís de veráns na aldea natal da miña nai, nomes de vacas eran “Gallarda”, “Toura”, “Paloma”, “Xuvenca”, “Linda”, “Garrida”... Nomes comúns coas femias humanas, nengún. Se se operase o milagre da resurreición e Dª Emilia Pardo Bazán voltase a este mundo e soubese que o seu nome era utilizado para baptizar unha vaca, e por riba nun anuncio comercial en galego, morrería decontado do susto ou da indignación. Unha outra cousa é o que ela propria fixo con personaxes populares galegas das súas novelas. A Maripepa de Bucólica (1918), en carta do seu descritor, Joaquín, ao seu amigo Camilo, desde o “destierro” galaico a que foi enviado pola familia para robustecerse, é así: “...¡si vieses qué semejantes en su colorido son la chica y la vaca! Rojas, morenas, las dos parecen hechas de tierra y teja molida”. Claro que isto está en boca do ‘señorito’ en comunicación co seu amigo de Madrid, mais dáse a circunstancia de que os leitores non temos a ocasión de coñecer directamente nada dos sentimentos da rapaza, que, para variar, é usada sexualmente polo protagonista e convenientemente abandonada unha vez que descobre que é unha “flor” máis que tripada. Que sente, que pensa ela? Non temos a menor oportunidade de o saber. O mesmo que se quixésemos penetrar na cabeza dunha vaca. Misión imposíbel. Dª Emilia, feminista? Antes de máis, condesa clasista.

comentarios