Opinión

Moito hai que aprender

Os tempos non están para brincadeiras, desde logo, mais hai noticias, informacións e declaracións que non deixan de nos surprender, porque poderían moi ben facer parte de calquer obra humorística ou paródica. Podemos comezar polo anuncio dun congreso internacional, titulado "Ganarse la vida. Género y trabajo a través de los siglos". Cal é a fotografía que o acompaña e publicita? O retrato dos actuais reis de España, que seica presiden o seu comité de honra. Perfeita a ligazón, tanto pola parte do primeiro substantivo como do segundo. Hai que recoñecer, porén, que o percurso a través dos séculos é moi acertado. Materia prima en abundancia.

O xornalista Iu Forn evocaba recentemente as inocentadas da súa infancia, o 28 de Decembro. Tamén eu lembrei as da prensa: anuncio de caída da ponte romana de Lugo, o que levaba riolas de xente a verificalo; aterraxe dun avión... e cousas así. As nosas infantís e telefónicas eran do estilo: "É Casa Tellado? Non? Pois instáleno, porque se van mollar!". Ou: "É aí onde lavan a roupa? Non? Que porcos!". A reacción irada dos maiores é o que máis nos facía rir, claro está. Forn, á vista da información diaria, opinaba que, hoxe, a noticia falsa dos inocentes é o pan noso de cada día, polo que cumpriría, face aos 364 días de manipulación e noticias nesgadas, dedicar un día, un só, á información contrastada e variada.

Vivemos tempos de aguda imposición totalitaria na comunicación masiva. A linguaxe básica tamén padece. Seguimos a ler-ouvir "catástrofe humanitaria", perfeito oxímoro: será "humana", digo eu. "Envío de armas letais": haberá guerras que se fan con armas inofensivas, de xoguete? "Guerra despiadada": el haberá algunha "benigna"? "Axuda militar": armamento para vender e matar (máis 800 millóns $ USA e máis envío de armas español). E así sucesivamente.

Mentres, non deixamos de progresar adecuadamente na concepción política do presidente móbil da Xunta. É moi criticada a súa telepresidencia, mais, no fin de contas, trátase só dunha itinerancia física, de viaxeiro por España adiante, pois a mental, anímica e ideolóxica xa o residenciaba sempre nela. Pouca mudanza hai. Con todo, dános para aprender moito. Por exemplo, en Barcelona denunciou unha Cataluña encerrada e "ensimismada en sí misma". Non me decatara eu e agora xa o entendo: encóntrome ensimesmada fóra de min, iso é o que me pasa! Desexou unha Generalitat que diga que se pode ser catalán e español, e aínda se perguntou "como se le puede decir a un joven que nada más se puede hablar una lengua?". Bravo polo auto-exemplo! Ollando para el, sen máis! Que ofensa gratuíta á inmensa maioría dos español-falantes de Madrid, Santander, Cuenca ou Sevilla! Ora ben, a declaración definitiva e definitoria só podía ser feita na Meca, isto é, a capital do Estado, caracterizada como cidade aberta, acolledora, próspera, amante da liberdade. Por tanto: "quiero volver a vivir en Madrid!". Acabáramos. A espera foi longa, década e media, polo menos, mais non hai nada como perseverar. O triunfo debe de ter máis mérito ao proceder dunha Galiza cerrada, inhóspita, pauperizada e submetida. Algo a ver coa súa presidencia?

Comentarios