Opinión

'Modernidade' española

Lin en Nós do pasado día 3 unha información en que se denunciaba a burla da RNE, por tanto a radio pública española (que todas e todos pagamos) de nós, galegas e galegos, verbo de palabras deformadas, denuncia de ridiculización que un comunicante transmitiu ao diario. Para maior ración de sadomasoquismo, un colaborador do programa, de nome Xosé Castro, é galego de nación e debe de atopar moi simpático coadxuvar, co seu pretenso coñecemento de primeira man, á dita ridiculización dos seus paisanos. Quer a casualidade que, antes de ler esta denuncia do programa matinal de RNE “No es un día cualquiera”, eu xa tiña pensado comentar, neste meu artigo semanal, un comportamento semellante da mesma casa, nesta ocasión, dun programa nocturno de Radio 5. O tal programa pousa sobre o humor, a brincadeira, a irreverencia e a procura da hilaridade que, pesadamente, xa adiantan os seus artífices-locutores. O ton xa o coñecemos: aquí rimos de todo e con todo. Nada se libra da nosa ollada irónica ou humorística. Falso de toda falsía. Para nada. A comezar porque nunca rin deles mesmos, isto é, do que consideran que debe ir á misa. A continuar, porque nada do sagrado, a efeitos españois, vai ser posto en dúbida. Humor? Selectivo e ma non troppo. Todo dentro dunha orde. E dentro desta orde se inclúe o episodio que ouvín. Simulan un telefonema de alguén exterior, para facer rir. A quen lle tocou imitar aquela noite? A un señor de Vigo, moi falangueiro, con malísima caricatura da fonética-sintaxe galegas, mais, en todo caso, con “graciñas” e “arre carallo” de complemento. Cal, a grande noticia que tiña de comunicar? En sabendo que se recomendaba lavar as mans cunha solución hidroalcólica, el entendeu “solución” como negocio e encheu un armacén con miles de botes do xel hixiénico para despois vendelos e gañar con eles. O locutor, condescendente, que risada!, explicáballe que a “solución” era química, non solución da doenza. Estupidez, a retratada, en estado puro, adubada de cobiza e reforzada por, o galego, sentirse máis listo que os demais.

Cuspido, igualiño, en pleno século XXI, ao século XIX. Esta é a modernidade española. Viaxemos ao Madrid de 1835. Mesonero Romanos, celebrado costumista, publica Escenas matritenses, que inclúe o conto “La posada, o España en Madrid”. Nel, un “infeliz ser, casi humano”, Farruco Bragado, afortunado cun pequeno premio da lotaría, pensa que con el pode gañar a subhasta dunha pousada na capital. Do seu “gruñido” rin todos os outros concorrentes a cachón. Quen gaña a poxa é, naturalmente, o “castellano viejo” que obtén os favores sexuais da sobriña do dono da pousada e, con ela, esta, todo no mesmo lote, para o tío evitar a “deshonra” magoada polo uso da rapaza. Que listo, que edificante!: levar moza e pousada sen gastar un peso. Retrato, por metonimia evidente, de Castilla e de Galiza. O galego: imbécil, parvo total por nen sequer coñecer o valor real do diñeiro.

Recomendación ás e aos humoristas galegos. Deixen de facer humor sobre nós (temos feito dabondo!). Anímense a retratar os que tan amabelmente nos consideran. No século XXI como no XIX, e moito antes.

Comentarios