Opinión

Maravillada... e alporizada

Por fin, puiden ver en todo o seu esplendor o Pórtico da Gloria restaurado. Digo "por fin" aplicado a min mesma, pois agardei a un tempo –como o deste mes de Xaneiro– en que supuña, como así foi, que habería moito menos público para o contemplar. Hai anos, xa tivera a oportunidade de "tocar" a parte superior do Pórtico mercé a unhas estadas que se colocaran no proceso da súa restauración e que permitían ver moi de perto a maravilla das faces esculpidas. Agora, a contemplación do conxunto deixoume sen palabras. Se antes era a figura do profeta Daniel, co seu célebre sorriso, o que imantaba a nosa ollada, agora quereríamos estar horas a contemplar unha obra como a do Mestre Mateo, sen parangón na arte europea do seu tempo. Hai tal grado de humanización en todas as figuras, tal calidade artística da pedra labrada e policromada, tal subtileza na caracterización... que, por veces, semella imposíbel que un prodixio coma este saíse de mans humanas. E foron cabezas e mans galegas, as de Mateo e a súa escola, as que fabricaron semellante maravilla. Ela é coetánea dun outro esplendor literario, e ambos, dunha potencia económica e política directamente conectada ao Reino da Galiza e ao seu papel dentro dos reinos peninsulares medievais. Este facto non está debidamente subliñado. En absoluto. Viaxamos a León ou a Navarra e por toda a parte familiarizámonos co rótulo "Reino de León" ou "Reino de Navarra". Aquí, as cousas parece que aconteceron por casualidade ou por súpeta inspiración divina.

A restauración contou co mecenado da Fundación Barrié (2008-2018). Chámanos tamén a atención que por nengures vimos a información do estrago criminal de que foi obxecto o Pórtico en 1866, cando nel se perpetrou o vaciado en xeso para ser levado ao Reino Unido, onde se pode ver, en Londres, no museo Victoria&Albert. Tal atentado danouno profundamente. Vese que non abondaba, no XIX, a exportación a Inglaterra do mellor gando galego; cumpría tamén, na máis depredadora tradición colonial (Grecia, Persia, África...), espoliar, degradándoa, unha peza fundamental da nosa historia, do noso pasado. Isto é o que botamos en falta, como xa dixemos: a necesaria conexión do artístico co histórico, co directamente político, sen a cal todo fica no terreo do máxico ou do azaroso.

Tamén visitamos o Museo. O billete que pagamos (10 euros, por maior de 65 anos) indícanos que "El importe de esta entrada contribuye a la conservación y protección del patrimonio de la Catedral de Santiago". Pois ben, por masoquismo forzado, contribuímos á exclusión do idioma galego, en pleno século XXI. Non hai unha só cartela, anuncio ou información en galego. É máis: citacións do Códice Calixtino ou da Historia Compostelana figuran en español, sen mención da súa tradución do latín, co que o público incauto (tanto nativo como estranxeiro) pode concluír que aquí se falou e escrebeu castellano desde sempre. Cal era o único idioma da sociedade galega no século XII??!!

O Panteón Real. Para seguirmos na rotina españolizadora, erradicadora, somos informados de os reis alí soterrados seren de León e Afonso VIII existir por ser o pai de Fernando III o Santo. Recomendo a quen quixer se liberar do masoquismo inducido e imposto que (re)lea o subcapítulo "Un Panteón Real en Compostela", con magníficas fotografías das tombas, do volume I de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza. A relevancia do reino galego medieval, de Francisco Rodríguez (pp. 56-61 e ss.): eis o coñecemento da nosa historia negada.

Comentarios