domingo 25/10/20

Manuel María

Tal día coma hoxe, 8 de Setembro, de hai dezaseis anos, deixábanos Manuel María. Este tempo todo, sen a súa voz directa, a súa cordialidade e o seu cariño, aumentou o valor da memoria e o recoñecemento dunha obra de amor e servizo á cultura galega e á Galiza. De todos os escritores e escritoras do seu tempo, é Manuel María quen mellor encarna a ligazón cun pasado histórico brutalmente rompido na guerra civil española e no seu desenlace. A súa presenza, sendo un mozo de vinte anos, na tertulia luguesa onde eran asiduos Ánxel Fole, Luís Pimentel, Antonio Figueroa ou Carvalho Calero, é ben indicativa daquel desexo de recuperar a memoria histórica, por moito que a expresión non se utilizase na altura. É o recoñecemento, tamén, dun maxisterio que se xulgaba conexión imprescindíbel coa historia negada, oculta ou ignorada da Galiza.

Na translación artística deste desexo, na práctica literaria do (daquela) incipiente escritor, hai unha constante que o vincula así mesmo aos clásicos da cultura galega: a escrita que non se cerra a nengún xénero literario e que está moi atenta a un conceito fundamental, o da necesidade, isto é, a construción de campos de representación da lingua galega sen censuras nen preconceitos. É Manuel María poeta, por vocación profunda e íntima, mais é axiña narrador, autor de pezas de teatro, crítico literario e fecundo articulista. A Casa Museo que leva o seu nome e honra a súa memoria dun xeito moi activo e visíbel preocúpase de (re)editar esta súa produción para ela poder ser coñecida e aprezada como peza fundamental da segunda metade do século XX. Dentro desta obra extensa e poliédrica, queremos salientar hoxe o seu papel como articulista. En 1990, a editora A Nosa Terra publica unha escolma de artigos que viran a luz no semanario homónimo, entre 1977 e 1987, sob o pseudónimo Manuel Hortas Vilanova. Os antólogos foramos Miguel Mato Fondo e unha servidora, e lembro que a nosa intención era a de respeitar ao máximo o título xeral da sección: “Andando a terra”. De certo, a colección destes artigos conforma unha enciclopedia galega particular, con varias cartografías sobrepostas: o coñecemento xeográfico, o histórico, o artístico, o literario, o mitolóxico..., nun auténtico recital nacional, anti-localista, de ponderación do universo galego. 25 anos despois, en 2015, e editado pola Casa-Museo, ve a luz o volume Memoria da Terra. Prosa xornalística escollida, sob a responsabilidade de Xosé Manuel Pérez Álvarez e Fran Rei García, que recolle colaboracións xornalísticas publicadas n´A Nosa Terra e en El Correo Gallego, entre 1978 e 2004. Recomendamos vivamente a leitura de ambos volumes a todas e a todos aqueles que quixeren iniciarse na arte literaria. Ela, a literatura, é un oficio experto, e nestes artigos acharán riqueza de experiencia vivida e vívida do país, profundo coñecemento da tradición literaria galega, así como da literatura portuguesa e doutras moitas do mundo, dominio da retórica do xénero, sabia dosificación da casuística ou do anecdotario persoal...: virtudes todas que marcan a diferenza entre un bon relato ou  artigo e un exercicio de redacción.

comentarios