Opinión

"Lusofonía" vulgar

O conto foi así. Recebín hai uns días aviso dunha mensaxe oral no meu telemóbel. Ao descoñecer o número, fixen a comprobación oportuna e verifiquei que se trataba dunha das pesadísimas –e consentidas– compañías telefónicas, dedicadas á caza e captura de clientela. O gravado di así: "Sale ahí... un contestador en portugués". O dito non era para min, obviamente, senón un comentario con algún compañeiro ou compañeira de traballo telefónico. A voz masculina tiña sotaque nativo. Cal, a miña mensaxe gravada?: "Deixe, se quixer, a súa mensaxe. Obrigada". Galego puro. En fin, o comentario tróuxome á memoria a gargallada descomunal da miña nai cando lle perguntaron nunha tenda (de que eu era clienta habitual) se a súa filla (servidora) era portuguesa. Galega coma min!!, exclamou ela. Hai moitos anos disto. Vese que a consideraban a ela fonte fiábel da información que a min non ousaran perguntar. En resumo: falar galego sempre, falar galego formal, público = portugués. Neles, nos portugueses, enténdese, porque non teñen máis remedio: é o seu. No noso caso, xa sabemos que se entende por "normal": mudar do galego ao español cando convén. Tamén me veu á memoria a afirmación do responsábel dun parque de campismo no Algarve (1978): ao ouvirnos falar a catro amigos, identificounos como galegos, para alegría nosa, mais aclarounos que se refería ao "galego" deles, isto é, o portugués setentrional, o sul da antiga Gallaecia, diríamos hoxe. 

Leo atentamente os depoimentos do profesor Carlos Garrido neste diario, así como o seu recente libro O escándalo do léxico galego. Análise da sua lastimosa degradaçom histórica e denúncia da sua dolosa falta de regeneraçom atual, e concordo co principio xeral do papel benéfico que para a restauración do galego supón contar co noso consanguíneo, co galego que historicamente conseguiu ser moderno e oficial, por lembralo con palabras de Antón Vilar Ponte. Mais, en libro tamén recente, O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais, o profesor Xosé Manuel Sánchez Rei ilústranos con copia de documentación sobre a cantidade non menor de trazos fonéticos, gramaticais e lexicais que o português-padrão foi abandonando ou non recoñecendo nun estándar abertamente inclinado ao portugués lisboeta-meridional. Nun longo artigo de 2006, "A lusofobia, modalidade da galegofobia (e viceversa)", servidora viña a concluír que ambas eran o anverso e o reverso da mesma (falsa) moeda. 

Onde quero chegar? A única ponte transitábel para achegar o galego actual ao portugués é o proprio galego. Galeguizar o galego –por utilizarmos a palabra de orde de Carvalho Calero– supón un esforzo grande de restauración de voces inequivocamente galegas. Unhas serán habituais en portugués; outras, pertencentes ao "arquivo" dunha tipicidade galega que non debe ser desbotada, como non o é todo o caudal de modismos procedentes do portugués do Brasil. A alfándega ao portugués nunca virá do galego xenuíno, senón do español. O que nos cómpre é que a pasaxe entre ambos –galego da Galiza, galego do Sul = portugués– sexa fluída e bilateral, nunha perspectiva de coñecemento recíproco e beneficio mutuo, hoxe inexistente ou reducida a mínimos. Aí lle doe. 

Comentarios