Opinión

Linguaxe e manipulación

Atribúese a José Zorrilla (1817-1893) a confisión irónica que resume así a súa propria obra poética: "He aprendido desde muy joven una cosa muy difícil de poner en práctica: el arte de hablar mucho sin decir nada, que es en lo que consiste generalmente mi poesía lírica". Fai tal citación Celestino Fernández de la Vega no seu ensaio sobre Rosalía de Castro (1952), mesmamente para contrapoñer radicalmente a poesía dela e a do escritor español. A sentenza deste –que nengún gobernante, ou contertulio radial-televisivo ou soi disant politólogo admitiría– fai parte, porén, do día a día mediático que nos toca padecer. É unha das modalidades máis empregadas: verborrea desatada, verbosidade banal (e venal), pomposidade oca e vouga..., o que tamén satirizou esplendidamente Rosalía de Castro na súa novela El caballero de las botas azules (1867). Toda persoa que use os seus parlamentos, o seu discurso, con capacidade megafónica, con ampla audiencia, en calquer meio ou por calquer procedemento, debera dotarse dun mínimo sentido da responsabilidade. Acontece adoito ás avesas, totalmente ao revés. Para que a maior mentira, patraña, falsía ou superstición (por que fake news?: acaso hai que reforzar decote a dependencia imperial?) se abra paso e se impoña, cómpre contar cunha masa disposta a non as cuestionar, crédula, cretinizada e debidamente manexábel. Así nos queren, sexa verbo de Ucraína, do financiamento autonómico galego, do estado da lingua ou da bondade indiscutíbel da 
monarquía constitucional.

Ora ben, non existe en solitario tal inútil despregamento verbal. Vai acompañado dunha contundente estratexia de manipulación político-mediática que utiliza tácticas diversas, e confluentes, ao servizo da orientación de conciencias e condutas. Nada novo, só que no presente aumentado até o paroxismo. Xa nos anos 50 do pasado século, en plena guerra fría, o New York Times titulaba a toda plana: Semantics, a Red Weapon in War on Free Enterprise. A aplicación aos tempos actuais é ben doada. Efectivamente, é a semántica a que naufraga no oceano da teledirección programada desde os centros de poder económico e desde as súas pantallas político-mediáticas.

Así, un problema real, e como tal definíbel, nunca será admitido como tal. Transfórmase en "xanela de oportunidade", "reto que nos fará crecer" (?!). É o individuo, naturalmente, o culpábel-responsábel da súa situación. Para saír do marasmo, debe "emprender" (o que?: a fuxida, a viaxe da emigración?). Xa non hai pobres, depauperados ou paupérrimos: agora son "vulnerábeis" ou "desfavorecidos" (por quen, pola roda da Fortuna?). Xa non hai clases sociais, e por iso todos somos tratados de "ti", como se empresas e clientes formasen filas no mesmo grupo de colegas. Tamén non hai povos e sociedades específicas, pois o mundo é global e seica non hai fronteiras (a despeito de elas seren a cada paso máis fortes e inexpugnábeis). A historia non existe (Fukuyama dixit), porque coa súa vaporización os individuos han ser moito máis e mellor controlábeis. A cultura xeral básica sobra, xaora, pois as mensaxes son planas, curtas e directas. 
Etcétera. Mundo perfeito. 

Comentarios