luns 01/03/21

Lingua “propia”?

No artigo da semana pasada, permitinme enumerar as materias dun alumno de 2º curso da ESO e o idioma en que cada unha delas era impartida, cun erro que agora remedio. Máis unha das atribuídas debe ser anotada ao inglés: Tecnoloxía, de modo e maneira que, incluíndo as materias de lingua correspondentes, eis o balanzo: 5 delas en español; 3, en inglés; 2, en galego; 1, en francés. Se excluírmos a “redundancia” metalingüística, isto é, a impartición da materia dun idioma no idem correspondente, o resultado é: 4, en español; 2, en inglés; 1, en galego. O “plurilingüismo” do Decreto de hai un decenio resólvese con ampla goleada para a lingua oficial do Estado; necesariedade do inglés; residualidade para o galego (nunha materia, “Valores éticos”, escollíbel como opción da Relixión), que, neste panorama, pode chegar a ter cero percentaxe, cero presenza como lingua vehicular. Naturalmente, a primeira e principal denuncia que o artigo contiña ía dirixida a unha maioría do poder lexislativo e a unha actuación do poder executivo que operan agresivamente para aceleraren o desuso da lingua nacional, da que a mesma lexislación vixente cualifica de lingua “propia”. Dígase que país normal dedica o 14% do ensino á súa lingua “propia”!! Ou acaso será “propia” no sentido de mandadeira, de recadeira? A “propia” disposta, por vontade da Xunta, a obedecer sempre as ordes da ama ou do amo español, mesmo antes de que este as formule (“as túas ordes son desexos para min”, reza o contra-refrán masoquista)?

O segundo aviso ía dirixido a nós, docentes, practicantes do galego, profesoras-es do mesmo ou, simplesmente, galegas-os con boa vontade cara á lingua, quer dicer, cara a nós mesmos. Unha ou un comentarista dese meu artigo anterior ten a ben aporme un “conhecimento limitado” da realidade actual dos docentes de Lingua Galega, asemade conclúe que o falar non ten cancelas e pergúntase que “dicas revolucionárias” podo oferecer nunhas aulas de tres horas semanais, temarios imposíbeis de explicación e alumnado analfabeto. Doulle a razón en parte, por moito que me chame a atención o irado e displicente do seu comentario. O meu coñecemento é limitado, por suposto, mais non fóra do mundo. Foron moitos anos no camión, quero dicer, moitos anos de docencia no ensino medio, no universitario e no non regrado. A asignaturización do galego acumula décadas. No seu comezo, algunhas-algúns (rabudos nacionalistas, iso si) matámonos a proclamar que tal docencia debería ir acompañada do uso do galego como lingua vehicular e, ademais, que a tal materia de Lingua Galega debería atender a conseguir o seu uso pragmático, oral e escrito. A magnífica literatura de que dispomos é auxiliar valiosísimo neste mester, para alén do seu alto valor específico e artístico. É por aquí por onde faciamos, e facemos, unha chamada de atención aos nosos colegas. Cabe unha outra didáctica da lingua galega? Coidamos que si (e témola practicado). Se o docente non é asemade un propagandista do galego, o fracaso está servido. Se o for, non vai mudar o curso do Miño, mais, polo menos, oferecerá unha pauta da necesidade verdadeira da lingua e da súa satisfacción.

comentarios