domingo 09/05/21

A lingua galega, Peter Pan?

A política lingüística española ten un amplo historial hexemonista, con moi pouca orixinalidade a respeito do modelo lingüicida francés. Con efeito, a Revolución Francesa non só non detivo o afrancesamento forzoso da monarquía absoluta no Hexágono, senón que o recruou de xeito inclemente, cunha novidade importante, iso si, a fabricación da ecuación progreso, modernidade, igualdade... = lingua francesa. O resto... farrapos medievais, en terminoloxía dun dos seus artífices. Ese modelo cobra vida legal-represiva na monarquía española dos primeiros anos do século XVIII, da man da nova dinastía borbónica. Xa daquela o impulso exterminador vestiu galas de Tartufo, roupaxe moderna: tratábase non só de erradicar pola brava, senón de o facer sen que se notase o “cuidado”, para mellorar a eficacia represiva. A historia política española atravesa reximes, guerras, ditaduras, derrubas e restauracións... mais unha armazón fica sempre en pé: a superioridade inxénita do castellano ou español, declarado lingua común por decreto, contra todas as evidencias histórico-científicas. A correlación de forzas, a mudanza de posicións, non proveu de nengunha beatífica modificación da política oficial, senón da contestación nacional galega, basca, catalá. No combate anti-franquista, créase o espellismo de que este, en por si, abondaría, unha vez recambiada a ditadura, para, mirificamente, solucionar os problemas das linguas reprimidas. Nada disto aconteceu. Como comentámos no artigo da semana pasada, a “madre superiora” (Constitución española) mal vai consentir veleidades da “leiga” (Estatuto de Autonomía). Euzkadi e Catalunya contaron con gobernos que usaron do seu máximo nível competencial para fortaleceren a normalización en marcha de anos atrás. Na Galiza, todo o contrario: a política lingüística oficial (40 anos) reforzou (por activa e por pasiva) a asimilación ao español e mesmo lexislou contra o proprio galego. As consecuencias á vista están.

O Comité de Expertos do Consello de Europa, após informe ad hoc da Mesa pola Normalización Lingüística, denuncia o incumprimento por parte do Estado e da Xunta da “Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias” (lexislación estatal desde 2001: 20 anos!) e reclama medidas na Xustiza, no Ensino e na Administración, a fin de as prescricións da Carta se realizaren. Por contra, o Estado e a Xunta continúan a practicar a cínica prescrición francesa: “Défendre le français, promouvoir le corse”, aplicada ao binomio español / galego. Sigamos “promovendo” e “dinamizando” até a anemia total.

Nós, galegas e galegos, contribuíntes netos e forzosos dos investimentos e gastos do Estado, vimos obrigados a pagar a exclusión da nosa lingua, os centos de ordes que impoñen en millenta lugares e funcións o castellano e só o castellano, asemade pagamos un Instituto Cervantes que, por exemplo, en Filipinas, loita ardidamente para evitar a extinción do español naquelas illas, en franca inferioridade face ao inglés. A extinción das linguas que ten aquí ao lado pouco importa.

Ora ben, todo corre maravillosamente se pensamos que o galego é perpetuo Peter Pan: infancia perenne, fantasía asegurada.

comentarios