Opinión

Limitado e ilimitado

Fixen recentemente unha compra no aeroporto de Bilbao. Frases que figuran no exterior da bolsa de papel: "Aupa Patxi! Aquí tienes El Market. Regalos txulok y pijok, cómprale a la amona y también al aitona. No te olvides de la ama y el aita. Buen viaje y agur! ". A mensaxe comercial até a podemos comprender quen non sabemos de éuscaro máis alá dunha ducia de palabras. Non sei se esta táctica publicitaria cumpre o papel emotivo-compensatorio de "nacionalizar" a marca e o produto a base de utilizar algúns termos que todo o mundo –saiba ou non o idioma– pode coñecer. Héillelo comentar ás miñas amizades bascas, mais, en todo caso, seméllame non casual a escolla lexical nesta función conativa: o vocativo dunha das expresións e dos hipocorísticos frecuentes en Euzkadi; a "vasquización" de adxectivos coloquiais do español; os nomes familiares (a avoa, o avó, a nai, o pai); a despedida. Palabras cinxidas á coloquialidade, á primeira socialización-intimidade e ao ámbito primario. Esta inclusión limitada lévame decontado á observábel entre nós, cunha outra función, pois a distancia xenética e tipolóxica entre galego e español é moito menor que a deste idioma co nativo de Euzkadi. No noso caso, é marcante da admisión tolerada, conveniente, do galego. Con toda naturalidade (frecuencia) podemos ler textos xornalísticos en español que apelan á introdución de modismos, frases ou palabras galegas que sempre comunican un aquel de expresividade e donaire estilístico: "Qué desfeita!"; "érache boa!", "éche o que hai"... e un longo etcétera, cando non é mención directa de voces ou expresións que se asocian a un locativo (aldea, lugar de nacemento...) ou ben, comercialmente, a produtos de que se pondera a súa autenticidade: "Temos pan de aldea", "Temos mel natural"...

En moitos defensores do "bilingüísmo harmónico" (léase apoloxetas da inferiorización natural do galego, da supremacía indiscutíbel da lingua oficial do Estado e, por tanto, do status subordinado daquel), este aparecemento de galeguismos delata, sen máis, a marca do galego consentido, en proporción admitida e admisíbel. Galego limitado e limitante, marca de nativos cuxa diferenza (sotaque, expresividade, diminutivos, refráns, uso literario...) casa ben (diversidade) coa norma xeral (española): non a vulnera, refórzaa. Tiña (e ten, 41 anos despois) toda a razón a enumeración de Carvalho Calero cando se refería a unha lingua (neste uso restritivo) "ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada, e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada". Non, non son cualificativos redundantes: exemplos abondan que probarían a semántica exacta de cada un deles. Face a este uso limitado e limitante, temos o deber universal e o dereito ilimitado proclamado para o español constitucionalmente. Limitado / ilimitado: eis a xerarquía e a diferenza.

Ilimitado é o poder que se arroga Biden cando, en Polonia, chama "carniceiro" a Putin e sentencia que debe ser apartado do poder. Que dirían os media dominantes occidentais se este viaxase a México, ou Panamá ou Puerto Rico e ousase realizar afirmacións semellantes verbo dos USA e o seu presidente? É ilimitado tamén o poder da OTAN e das súas sucursais para manter preso durante un mes a un xornalista (de dobre nacionalidade: ruso-española) acusado de espía ruso? É tan limitada a capacidade diplomático-política española para defender un connacional? Silencio.

Comentarios