Opinión

Ler Rosalía de Castro a comenencia

É moi vello o mal entendemento que se ten feito de Rosalía de Castro, da súa biografía, da súa personalidade, da súa obra. Asemade, funcionou e funciona adoito como recurso de lexitimación, como citación de autoridade. Exemplos hai abondo de ambos. Unha das máis frecuentes terxiversacións consiste en interpretar como confisionais estritas, como declarativas da súa persoa, versos ou poemas inteiros, cando, precisamente, unha das virtudes do seu talento estético e da súa capacidade autorial é “meterse na pel” de personaxes diversas, acertar a dar voz verosímil e sensíbel a personaxes con que se identifica mais distantes e distintas da súa propria condición. A confusión ten precedentes ilustres, como lembra Carvalho Calero. A Valle Inclán, por exemplo, Rosalía de Castro producíalle a impresión da moza aldeana que vai servir á cidade e, comesta pola morriña, bota en falta a súa casiña, o seu lar, a súa fontiña, a súa vaca etc. Claro que o escritor olla a Galiza como espectáculo estético, aponta Carvalho, encanto Rosalía de Castro a vive, sente e pensa desde dentro.

Como dixemos, un dos grandes acertos da escritora é o manexo dunha rica polifonía, en virtude da cal “vemos” e “ouvimos” personaxes de nós, da nosa historia, da nosa cultura, do noso povo, oferecéndosenos conforme á súa verdade de vida, á súa circunstancia, á súa psicoloxía, nun alarde de dignificación nacional e de anti-clasismo como ninguén soubo reflectir mellor. Quen fala en “Adiós, ríos; adiós, fontes” é o emigrante inminente, que se despide, angustiado, de todo o que lle é querido. Quen se expresa en “Airiños, airiños aires” é a emigrada que suspira por poder voltar á terra, na súplica a eles para, ao menos, poder morrer na Galiza. Moitos máis exemplos, tanto de Cantares... como de Follas novas, poderíamos aducir. Recentemente, un outro verso da nosa escritora valeu para facela dicer non algo diferente do que escrebeu senón abertamente contrario. O último número da revista Luzes está dedicado, sob o título “A Galicia vagabunda” (“De Bos Aires a Londres, Pequín ou Cincinnati, a patria galega é un país portátil que viaxa coa maleta da memoria”), a estender por toda a parte, por calquer lugar do planeta, a existencia da Galiza. Laus Deo! Segundo a tese exposta e desenvolvida profusamente, non somos unha nación entre dous mundos senón unha nación na rosa dos ventos. A Galiza global, vamos... Xa hai que ter humor-valor, colegas, para se satisfacer co que máis nos mancou e nos manca na nosa historia contemporánea! Afirma o editorial: “Velaí o ben que o expresou Rosalía: “Ánimo, compañeiros, toda a terra é dos homes...”. Falso de toda falsía. Este verso pertence á parte IV do poema inicial, “¡Pra A Habana!” do Libro V de Follas novas: é a voz non da autora senón do que emigra, en manual de auto-axuda ante a travesía; por iso, estas palabras e as que seguen están entre aspas. A posición da autora fica elocuentemente expresada na crónica das partes I, II, III e V, como en tantos outros poemas deste libro V ou noutros como “¡Volved!”, de En las orillas del Sar, e, por suposto, no ensaio que precede a Follas novas.

Comentarios