Opinión

Inverno, inmersión, imposición

Ter que aturar que o máximo líder do PP aproveite a súa visita á Galiza para voxiferar (como diría Enric Juliana) barbaridades mendaces contra o catalán e a escola catalá, e que a ignonimia se compute a beneficio de inventario, sobarda toda a paciencia terapéutica de que poidamos dotarnos. Que o seu anfitrión, o presidente da Xunta, dixese literalmente: "Yo reivindico la Galicia cordial, el bilingüismo cordial, la Galicia donde hablamos español y castellano y donde lo que nos interesa es aspirar a hablar inglés" e tal aserto non merecese resposta –que saibamos– de nengún representante público galego, de nengunha institución galega, que mesmamente existen e viven grazas a que a lingua galega existe e sobre ela se edificou o artificio autoanémico, francamente fai decaír o ánimo até o caborco máis fondo. Non, non se tratou dun lapsus: é a fotografía realista da tríade sobre a que pousa a política autonómica: a reverencia ao Estado, a nomenclatura eufemístico-encobridora da imposición, a submisión ao idioma imperial no mundo global. O enterramento do galego no silencio, na non-existencia, na súa prescindencia absoluta. O inverno permanente, non o que antecede ao renovo da vida da primavera. O silencio face a tal carga de dinamita só pode significar que se dá a situación da lingua galega como normal ou ben que se considera que o desenlace é fatal e nada hai que facer contra el. Bilinguísmo cordial = doenza inoculada letal.

Inmersión. TODAS as linguas se adquiren ou absorben por inmersión, desde a primeira infancia. A nena ou o neno imitan e reproducen, por necesidade, o que ouven e len, cando posúen esta destreza. No noso caso, o que adquiren, desde ben cedo, é: a) a ausencia total de galego na súa contorna familiar, ambiental, escolar; b) a inferioridade absoluta do galego no ámbito social e público, caso de teren ocasión de o ouviren como lingua familiar; c) a inevitabilidade de uso do español para unha normal circulación social; d) a naturalidade da súa exclusión ou da súa reclusión nuns ámbitos pautados e residuais. Face a este panorama, a Xunta autoriza e promove centros privados onde se practica como norma xeral a inmersión en inglés (esta si, esta é positiva), por se non abondase o bombardeo constante de mensaxes en español como única lingua verdadeira. Cataluña: mesmo cunha escola co catalán como lingua administrativa xeral e como lingua vehicular predominante, o conxunto de emisores sociais e públicos do español multiplica por dez ou por cen os existentes en catalán: meios de comunicación escritos, radiais, televisivos; Xustiza; Administración do Estado; audiovisual e cinematografía; comercio... e tantos máis. Pois nen así: non abonda coa superioridade manifesta do idioma oficial do Estado; cómpre continuar coa operación exterminio. Mais aquí, na Galiza, o retrato deita unha fotografía aínda máis lastimosa: a dunha administración que combina hostilidade con indiferentismo e pasividade, até acadar quedamente, caladamente, o cumio de toda boa fortuna: as exequias definitivas.

Cando a maioría da povoación –e dentro dela a súa minoría consciente– asume como natural, inevitábel e lóxica a imposición do español e, por tanto, a inexistencia do galego ou a súa reclusión en cápsulas controladas e controlábeis, a vitoria está cantada para quen si fai da lingua, das linguas, asunto central da súa política: emblema superlativo do supremacismo que precisa, racistamente, do inferior para auto-afirmarse, como o xeneral precisa do soldado raso para afianzar a súa autoridade. Ora ben, podemos seguir a auto-administrarnos estupefacientes. Así doerá menos.

Comentarios