Opinión

Inmunidade de grupo

A expresión que titula este artigo (ou a súa variante: inmunidade de rabaño) é usada con frecuencia nesta pandemia que asola vidas, empregos, prestacións, servizos... e que leva camiño tamén de acabar cunha noción do humano-social onde o segundo elemento é epíteto do primeiro. Oxalá que o mundo que ha de vir non sexa unha mestura do pior do pasado e o pior do que está a acontecer. Moi lonxe de min, porén, reiterar obviedades e, moito menos, frivolizar a conta da miña ignorancia clínica. Utilizo á mantenta a expresión como extensión metafórica do que logo explicarei. Direi antes que a metaforización, se acaída, non só non escurece ou distrae o significado senón que o potencia. Cando Carvalho Calero, en artigo escrito hai case 40 anos, estabelece que unha lingua non pode perpetuarse se non se exercita, “non pode realizar-se se non se proxecta sobre un mundo real”, acrecenta como a transixencia cunha lingua só literaria levaríanos a unha lingua “ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada, e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada”. Eu mesma, nun traballo sobre Ramón Vilar Ponte, permitinme utilizar a rica derivación-composición do verbo latino premere  (> o noso ‘premer’) para abrir un abano de cualificativos aplicábeis á historia moderna da nosa lingua: oprimida, reprimida, suprimida, comprimida, “deprimida”.

A prosa e mais a oratoria do ilustre escritor e profesor eran a antítese da vacuidade retórica: a enumeración de adxectivos que realiza é, pois, ben rendíbel semanticamente. Probemos a “traducir” todos e cada un deles con casuística, con exemplos abondosos que a realidade sociopolítica en que nos encontramos nos facilitará a mancheas: non é un exercicio de variedade sinonímica, é unha ocasión de explicarmos a razón de ser de cada un destes caracterizadores. A lóxica normalizadora leva, como el mesmo lembraba (“O uso do galego para todo”), a unha extensión cuantitativa e cualitativa que amplíe-implante o galego en todos os ámbitos da vida social e pública. Afirmaba no meu artigo anterior que a política oficial funciona como un acelerador do desuso do galego e como un lexitimador da súa exclusión, e o comportamento dos seus representantes non fai máis que confirmalo: declaracións de responsábeis da Xunta, entrevista a toda plana co conselleiro de Sanidade, onde a carencia de información vai parella á carencia da lingua galega. Claro, falar de algo serio e grave como a saúde = español! Boa maneira de celebrar as Letras Galegas! Bon xeito de seren perxuros verbo da lexislación que din acatar!

Este comportamento é letal porque, aliás, reforza unha “inmunidade de grupo” xa ben presente na sociedade galega. É ela a naturalidade con que admitimos a ausencia do galego da letra escrita, a familiaridade cunha oralidade (limitada a cada paso máis) que se torna español unha vez pasadas as palabras ao papel. Esta naturalidade mátanos, porque amputa de vez a necesaria conciencia de todo o que lle falta á lingua para ser tal, lingua plena, libre, aberta a todo uso, viva, renovada e renovábel. A antítese da serie que Carvalho definía-denunciaba vai para 40 anos.

Comentarios