Opinión

Infancia e escola

Un querido e xeneroso amigo ofereceume un galano ben valioso: un volume de debuxos de Álvaro Cebreiro, editado por Galaxia en 1958 (falecera en 1956), honrado cun soneto a el dedicado de Ramón Cabanillas e lembranza prologal de Ramón Otero Pedraio. Na selección de viñetas ou estampas abondan as de protagonismo infantil: vontade de "sacalos" do deseño e collelos no colo! Unha entre moitas: dous pequenos camiñan baixo unha forte nevarada, protexidos co paraugas: "–Por moito que remexo na memoria non me lembro de moitos invernos tan ruíns como este", asevera un deles. A memoria tróuxome o acordo dun curmán do meu tempo, cando lle dixo moi serio a meu pai: "Eduardo, na miña vida che fun a Lugo". Tiña seis anos e devecía por ir ao circo... Na escola e no ronsel de Castelao, tamén Cebreiro pon en boca de nenas ou nenos boas doses de crítica social e política. Son moitas as que poderíamos evocar, mais a primeira que me veu á memoria foi a do álbum Nós, aquela en que un dos dous nenos, ao pé dunha vizosa e mesta fraga, en confidencia e igualdade "horizontal", só cun seu par, exterioriza a súa dúbida: "O escolante díxonos que o mundo é redondo. ¿Ti créelo? " E de aquí viaxei a anécdota referida por Castelao en Sempre en Galiza que tal cal viveu unha mestra no ecuador dos anos 50 do pasado século. A facer o censo da escola, formula a pergunta obrigada: "–¿Cuántos años tienes?". "–Negros dous e brancos tres”, contestou todo convencido o pequenín. A mestra tivo de reperguntar polos anos, claro está, que tiña: cinco. Tal aconteceu na escola de Oleiros-Céltigos, perto de Sarria, unha praza moi boa, na época, pois tiña apeadoiro do tren, grazas ás influencias do proprietario da fonda onde paraba mesmamente a miña nai, que é a mestra de quen falo. A escola era unitaria, con cincuenta ou sesenta e tantos alumnos (a taxa de natalidade non era a de hoxe, obviamente), desde "párvulos" até os catorce anos ou máis, pois a obtención do certificado de estudos primarios era básica para moitos postos de traballo. Dicía ela que o máis traballoso era organizar a tarefa por grupos; unha vez feito, xa podía pórse ao labor de aprender a ler os máis pequenos e, despois, mentres estes xogaban, dedicarse aos outros grupos. Os vidros rotos das xanelas repoñíaos ela; procuraba pór un braseiro no centro para queceren algo os nenos; levaba laranxas e bolos de leite para que non deixasen de acudir aqueles en idade da primeira comuñón ou da confirmación, pois tiña obriga de os preparar e os pais non estaban maiormente polo labor: o que precisan para emigraren (a Barcelona, fundamentalmente) –dicían– é saber contas e ler, non "padrenuestros". En fin, daría para unha novela do máis acurado realismo...

Todo pasado pasadísimo –diráseme con razón. Escola: preciosa e digna palabra, hoxe en total desuso (e xa non digamos "escolante" ou "escolino"). Non, hoxe fálase do cole, do insti, da seño, da profe..., así que a ver se dou composto un rela que informe das compe do curri para educar en valo e na xestión das emo... Pasado, si, mais o triángulo docente-estudante-aula continúa existindo, e seguimos a observar que se constrúe a casa polo tellado. Como diría un tío meu, se non hai cabeza, de nada vale ter chapeu...

Comentarios