Opinión

A inexistencia do factíbel

A Moisés Castro, con todo o meu afecto

Quen fomos docentes (ou aínda o somos parcialmente) sabemos ben o grato que resulta mantermos unha relación cordial –terminado o tempo das aulas– cos nosos ex-alumnos e alumnas. Tal é o caso da que servidora ten co dedicatario destas liñas, desde hai moitos anos. El é un buscador teimoso en librarías de vello e non deixa de me agasallar achados que sabe serán do meu interese: vellos discos de corais galegas, dos Tamara, partituras de poemas de Rosalía de Castro, primeiras edicións de obras galegas ben difíceis de encontrar... En fin, un tesouro que nunca llo dou debidamente agradecido. Unha destas pezas é unha libreta titulada “Escolma poético-musical galega”.

O seu autor é Manuel Celso Matalobos. A editora é a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, á altura do ano 1989 (o da edición) dirixida por Aniceto Núñez García e con Adolfo de Abel Vilela como director xeral de Política Lingüística. A publicación ten un neto carácter didáctico. Trátase de unir literatura –poesía, en concreto– e música, para familiarizar os estudantes coa primeira a través da segunda, nun percurso que comeza con Martin Codax e remata con Darío Xoán Cabana: un total de 45 poetas da nosa literatura, desde o esplendor medieval até a contemporánea.

Esta actividade da Consellaría non é allea, en absoluto, á movimentación social e docente pro-galego. Máis ben é a súa filla. Tres anos antes, en Abril de 1986, fundárase a Mesa pola Normalización Lingüística. No mes de Xuño daquel 1989, cadroume facer entrega en man ao conselleiro citado dun “Plan para a galeguización do ensino”, promovido pola Unión de Traballadores do Ensino de Galiza e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, elaborado e consensuado durante meses por outras entidades sindicais e pedagóxicas, e apoiado, en fin, por dezanove delas.

O conselleiro recebeuno e, a seguir, interrogoume pola miña práctica en galego, como lingua vehicular, nas aulas de Lingua e de Literatura española, que, a aquela altura, desenvolvía nun instituto da Coruña. Limiteime a responderlle que o rechamante era a exclusión programada do galego (represión incluída) por parte da administración educativa, que xa contaba cunha década de existencia.

33 anos despois. As consecuencias dunha política oficial non xa pasiva ou indolente senón agresivamente excluente do galego á vista están. Pergúntome: que avaliación fai de tal feito o profesorado de Lingua e Literatura galega?; que utilización se fai de materiais didácticos elaborados por entidades pedagóxicas (tamén musicais)?; que evolución, en fin, tivo, ao longo dos anos o uso directo do galego como lingua de docencia nas aulas?

A CIG-ensino, nas recentes eleicións, non só revalidou senón que aumentou (perto de 10.000 votos de ensinantes) a súa condición de primeira forza sindical neste ámbito fundamental para a conexión afectiva e consciente do alumnado coa lingua galega.

Non supón isto unha alavanca decisiva para unha maior presenza e implantación da mesma nas aulas? Leo neste diario que foi desbotada unha Proposición non de Lei do BNG, defendida pola deputada Mercedes Queixas, en que se incluían medidas para reverter a perda de galego-falantes, nomeadamente na infancia-mocidade. “Estamos en España”, seica proclamou un deputado do PP. Se é así, disólvanse. Clausuren unha administración que non chega a xestoría. E mentres, nós, que facemos? Que faremos?

Comentarios