Opinión

Incivismo

Na cidade onde moro houbo días atrás serios problemas coa recollida do lixo: contentores queimados, acumulación de residuos, colaboración inestimábel das voraces gaivotas a remexer neles, etc. Á vista do depósito  de bolsas sen seren recollidas, o prudente parecía reducir ao máximo os residuos e agardar a non saturar máis os xa desbordados contentores. Mais aconteceu, no que me cadrou ver, o contrario. Nun percurso de poucos metros: un colchón, un frigorífico de gran tamaño, un asento infantil para automóbel, restos de cadeiras e de mesas, cartonaxes varias... Só faltaba unha tenda de campaña. Canto pior, pior, ou ben: aproveitemos a desorde para incrementala. É a mentalidade de quen non ten en conta o traballo dos recolledores nen tamén, en tantos espazos públicos, o das señoras da limpeza. Xa virán limpar elas o que nós emporcamos, sexan aseos ou lugares de uso común. É o desprezo do público, do socialmente común, do que todos deberíamos cuidar en nome dun mínimo convivio civilizado. Comportamento incívico que di moi mal de quen o practica impunemente.

Incivismo. É só existente a título individual, anónimo, por parte de viciñas e viciños? Coido que non. É cívica a conduta permitida de tantas empresas e/ou multinacionais de quen dependemos á forza (banca, compañías eléctricas, telefónicas, sanidade...) que nos teñen ao teléfono minutos e minutos sen a atención debida, a mínima esixíbel polos servizos que pagamos a alto prezo? É cívico o comportamento de tantas administracións públicas que marean até a extenuación os administrados por calquer trámite? É cívico –en sendo humanos portadores de fala– dependermos dunha gravación pautada con mensaxes que se adaptan ou non á nosa demanda ou consulta?

É cívico, aquí, entre nós, que se furte ás pequenas e pequenos a mínima dose de lingua galega no ensino infantil e se contribúa desde o mesmo á xa máis que patente erradicación do idioma desde a primeirísima infancia? É a lingua galega un medicamento ("Manténgase fuera del alcance y de la vista de los niños")? É normal decretar, na propria Galiza, que a súa lingua nativa non poda ser utilizada como vehicular de materias onde reinan o español e o inglés?

É cívico ter que aturar, un día após outro, unha información decretal sobre a guerra de Ucraína, sen o menor contraste de fontes ou de versións? Que grau de imbecilidade se nos supón para cualificar de monstro a Putin e esquecer a destrución e mortandade que programaron e perpetraron en calquer lugar do planeta Bush (os dous), Clinton (os dous), Obama, Trump, Biden? Que foron-son eles? Frades mendicantes? Son "oligarcas" só os multimillonarios rusos? E os do mundo occidental que aqueles tan ben imitaron e secundaron? Cantas resolucións da ONU verbo do Sahara se levan incumprindo? E os masacres de Palestina, Líbano, Libia, Iraq, Afganistán, Siria...? É normal que se nos impoña que estamos no "lado correcto" da historia? Os USA teñen unha ben surtida tradición de montaren guerras fóra do seu territorio. E a UE de serva cúmplice deles e da OTAN, que debe de ser unha ONG de beatífica inspiración. Emético.

Preventivamente, aviso de que a miña adhesión ao goberno ruso é cero. Só que non quero que me tomen por imbécil e escura.

Comentarios