Opinión

O imperio da exclusión. A Galiza, fóra do "estándar"

Nun acto recente –a apresentación na Coruña do I tomo de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV), de Francisco Rodríguez, referinme ao título dun imaxinario filme, que sería: "A naturalidade da exclusión". Utilicei como exemplo primeiro o programa de Historia da Filosofía de 2º curso de Bacharelato, onde figuran autores como Platón, Aristóteles, Tomás de Aquino, Guillermo de Occam, Descartes, Locke, Kant, Marx, Nietzsche ou Ortega y Gasset. Ante este elenco, cabe perguntar(se): e as mulleres, ulas? Houbo un xinecocidio xeneralizado en 25 séculos de historia occidental? Fóra de Europa, alguén pensaba e filosofaba? Teñen as mulleres capacidade racional? Porque se se admitir a hipótese de que non houbo mulleres con tal condición, daquela cumprirá engadir decontado un tema titulábel: "Onde estaban as mulleres?" Ou ben, imitando o título do libro de Katrine Marçal (Quen lle facía a cea a Adam Smith): "Quen atendía nenos e vellos? Quen limpaba, cosía e cociñaba?" Os escravos, naturalmente. E, dentro deles, había mulleres? En fin. 

De aquí pasamos a unha outra exclusión flagrante nos programas de ensino obrigatorio e de bacharelato. Adianto a conclusión: a Galiza non existe: xeografía, historia, arte, pensamento... Ren. Na materia troncal de Historia de España, consígnanse os reinos de Castela, Aragón e Navarra, e o Camiño de Santiago. Nada que estabeleza unha diacronía, unha secuencia histórica entendíbel, un afán mínimo por desenterrar tanta historia ocultada e negada. Acudín, daquela, a examinar algúns "currículos" oficiais e non puiden concluír, pois fiquei gravemente mareada. Os "temas" aparecen expostos sob estas nomenclaturas: "Obxectivos", "Contido", "Criterios de avaliación" e "Estándares de aprendizaxe". Escollamos uns de Filosofía (a ela fun, por ser materia miña predilecta do bacharelato, grazas ao profesor Manuel Fuentes Benot). Contido: Técnica do brainstorming. Criterios de avaliación: Utilizar a técnica do brainstorming para construír unha historia literaria con temática filosófica. Un outro: Contido: Relación entre liberdade e creatividade. Criterios de avaliación: Valorar a liberdade como condición básica para a creatividade innovadora, a conexión entre si das ideas preexistentes e a competitividade. Estándares de aprendizaxe: Argumenta sobre o papel da liberdade como condición fundamental para a creación e razoa a súa [sic] opinión. Nen Cantinflas o melloraría. "Estándares de aprendizaxe" (?!). Que son? Contidos básicos?

Admirémonos agora das materias de libre configuración autonómica para a educación secundaria, que copio tal cal: Consumo responsable; Educación financiera [sic]; Identidade dixital; Igualdade de xénero; Investigación e tratamento da información; Mobilidade escolar sostenible e segura; Obradoiro de Música; Oratoria; Promoción de estilos de vida saudables; Programación; Paisaxe e sustentabilidade; Xadrez. Propoño máis unha: "Como querer ser galega/o e non morrer no intento". Ou ben: "Programación da identidade móbil galega sustentada na oratoria financeira".

Imprescindíbel, como a auga do oasis, a leitura do libro que figura no inicio deste artigo mareado. 

Comentarios