Opinión

A Igrexa, impermeábel ao galego

O título orixinal deste artigo non é o que finalmente escollín e o encabeza. Na realidade, o que quería escreber era: “Cregos galegos, non tedes perdón de Deus!”. Como o vocativo talvez non faga xustiza aos que si o son non só de nacencia e/ou de morada senón aos que se senten, se pensan e practican como tais, isto é, como galegos que se saben pertencentes ao povo homónimo e que fan críbel a mensaxe evanxélica, opto entón por me referir á Igrexa Católica como institución, como xerarquía, como actuación da inmensa maioría dos seus ministros. Hai poucos días, tiven de asistir a unha despedida definitiva, máis dolorosa nesta ocasión, por se tratar dun querido curmán do meu tempo. Por enésima vez, tiven que aturar a liturxia e a prédica do oficiante do funeral no idioma alleo, con sotaque distante e distinto, no cumprimento dunha sorte de trámite onde o que menos importa é o finado e o consolo que unhas palabras humanamente verdadeiras podan servir en transo tal. O único galego que se ouviu foi un cántico da coral, onde el, o finado, tamén cantara.

A igrexa, belísima, milenaria, a máis antiga da cidade, con frescos recentemente descobertos, posúe unha sonoridade magnífica. Cando se construíu e abriu aos fieis, o galego era o único idioma presente na sociedade galega. Galego era a lingua dos que a financiaron e dos que a edificaron, por moito que o latín fose a grande lingua sacral. Galego foi o idioma natal, ambiental, do finado; reprimido, como non, nos seus oito anos de seminarista; restaurado despois, ao menos coa familia, os próximos e os colegas de traballo docente. Nada disto importa. Nada importa tampouco que hai case setenta anos o Concilio Vaticano II autorizase o uso das linguas “vernáculas” na liturxia e demais actividades dos fregueses, dos cregos e dignidades eclesiásticas. Na Galiza, elas decidiron que o substituto natural do latín, as “divinas palabras”, había ser o español. E así seguimos.

Non por casualidade, o campo da Xustiza, o dos militares e o da Igrexa, todos eles con indumentos distintivos, con uniformes, togas, sotanas ou vestimenta talar, herdeira de vellos tempos, continúan a impor e a expandir a súa autoridade, o acatamento á súa lei, a hexemonía que se quer indiscutíbel, a lingua que a acompaña. Unha masa de compatriotas enorme, por convicción ou fe verdadeira, por ostentación social, por rotina, por non se distanciar do hábito maioritario, por conveniencia ou comenencia... continúa a celebrar e a pagar (repito, con convicción ou sen ela) baptismos, confirmacións, primeiras comuñóns, vodas, enterros... Séculos dura esta contundente españolización desa masa galega. Podemos cerrar os ollos a ela. Eu prefiro denunciala, por anti-galega e por anti-evanxélica. Non agardo o menor suceso para a miña denuncia. Se personalidades tan relevantes como Xosé Chao Rego ou Francisco Carballo, que xa non nos acompañan neste mundo, ou outras que si nos confortan coa súa presenza e actuación, como Alfonso Blanco Torrado, Victorino Pérez Prieto ou Rubén Aramburu (por citar só amigos que frecuento e admiro) non o teñen conseguido, menos o fará a miña voz. Así que só: que conste en acta.

Comentarios