Opinión

Historia dun gravado

Hai moitos anos, lendo na Historia de las mujeres, de Georges Duby e Michelle Perrot, batín de súpeto cun gravado que me chamou poderosamente a atención. Ilustraba o capítulo 1º do tomo correspondente ao século XIX, titulado “Hijas de la libertad y ciudadanas revolucionarias”, coordenado por Geneviève Fraise e M. Perrot. A ilustración oferécenos a contundente estampa dunha muller peixeira, nova, vestida e calzada coa súa roupa e zocas de traballo, no peirao, man estendida, en actitude de arenga directa ás súas compañeiras-os de oficio; ao seu carón, unha enorme patela baleira. Na historia que citei, indícase: “Motín de pescadoras en Vigo. Madrid, Biblioteca Nacional”, e abofé que a paisaxe e o conxunto humano que o gravado comunica son ben galegos. Utiliceino, a través dunha figuración, como ilustración da capa da miña edición da poesía galega de Valentín Lamas Carvajal (1997), mais cando a recuperei, íntegra e fiel, foi en 2013 para encher toda a portada do meu Cantares gallegos, hoxe. Unha leitura actualizada de Rosalía de Castro. Nunha viaxe a Madrid, teimei en dar co orixinal na Biblioteca citada: busquei e rebusquei, agradecín a axuda dilixente dun traballador da casa, mais o tal gravado non apareceu. Comentándollo a Henrique Alvarellos, procurou el pola súa conta e velaí que aparece nas páxinas de Blanco y Negro: 1898, debuxo de Villegas Brieva, páxina da revista que hoxe posúo e teño enmarcada, grazas á xenerosidade e xentileza do editor. Cal é a información escrita que figura ao seu pé? Titúlana “Las pescaderas de Gijón” e reza así: El desequilibrio económico que ha traído á España la guerra ocasiona evidente malestar en las clases populares, elocuentemente manifestado en los motines y algaradas que han dado lugar al estado de guerra en muchas provincias de la nación. El alboroto de Gijón, que ha sido uno de los más graves, comenzó entre las vendedoras de pescado, que se negaron a pagar los derechos de consumos que se les exigía en el muelle. Las amotinadas, precedidas de una bandera, recorrieron varias calles de la ciudad, arengaron á las cigarreras, que bien pronto hicieron causa común con las vendedoras de pescado, y el levantisco grupo, cuyo carácter femenino hacía peligrosa y difícil la represión violenta por parte de las autoridades, engrosó de un modo alarmante, llegando a adquirir el motín en pocas horas gravísimas proporciones. Nuestro dibujo representa una de las heroínas gijonesas arengando á sus compañeras en el muelle antes de entrar tumultuariamente en la ciudad.

Por ventura, atopan redacción semellante, estilo xornalístico parecido, na prensa dominante de hoxe, aínda tendo en conta todo o saibo epocal e a pertenza da revista ao rexime, nada revolucionaria, por tanto? Fágase a comparación. O máis curioso (e delator) é a páxina do reverso deste gravado. Titúlase “En tiempo de guerra. La oración de los buenos. Dibujo de M. Foix”. Fundo de paisaxe plenamente modernista. No primeiro plano, unha amorosa nai, en actitude orante, coa filliña achegada a ela. As dúas faces do ser muller, a real / ideal, a activa / pasiva... Engadan vostedes máis atributos duais.

Comentarios