Opinión

Unha Galiza en pequeno?

Hai un ano, o 31 de Xullo de 2019, celebramos os cen da única tía que temos miña irmá e mais eu pola rama materna. Da paterna xa ninguén vive. Ela, a centenaria (en poucos días, felicitarémoslle o capicúa), é a pecha-cancelas, a derradeira de nove irmáns (miña nai era a penúltima) e dá xenio vela. Convocados e convidados polas fillas e fillos, reunímonos en moi agradábel xantar na vila onde ten casa e onde morou moitos anos. A convocatoria só era para familia e sobriñas-os directos, así que eu contaba con que seríamos por volta de cincuenta. Fomos cento catro, nada menos. O encontro até contou con complemento musical, pois unha amiga tivo a ben utilizar a preciosa música de “Camariñas” para lla dedicar, con outra letra, á homenaxeada. Como entre as-os asistentes, había boas voces (unha directora de coral, por exemplo) a cousa ficou redonda.

No post-xantar alongado, reparei na variedade que se oferecía aos meus ollos. Estabamos residentes na Galiza, en lugares diversos: aldeas, vilas, cidades. Emigradas-os en Madrid, en Navarra. Viciños de diferentes lugares españois. Labregos, mestras-es, profesores, funcionarios, traballadoras-es xubilados... Militantes do BNG, simpatizantes, votantes. Simpatizantes-votantes do PP. Opus Dei. Abertzales. Os textos escritos, en galego. A fala maioritaria, a galega. O ambiente, como dixen, tan agradábel como noutras ocasións en que o “clan” se reuniu.

Perguntaranse vostedes, con razón: e a nós, leitoras-es deste diario, que nos importa esta “reportaxe” familiar? Que de novidade ten un encontro, como tantos outros, que se celebran na nosa nación? E non teño resposta. Escúsome por “sacar a pasear” algo que pertence á miña biografía ou á miña familia e que só a min pode significar afecto e ledicia por aquela celebración coincidir o ano pasado, xa que neste sería imposíbel. Na aldea natal de todos aqueles irmáns xa non fica ninguén. Nela se produciu a miña inmersión no galego, no verán, de nena. Canto máis se diferenciaba do meu castellano de Lugo, máis me gostaba. Cando a miña avoa, xa moi vella mais en perfeito estado mental, me mandaba facer algo, encarecía: “Piliña, bule axiña!” Nunca precisei “tradución” e moito me orgullaba de coñecer os nomes das vacas todas e de pensar que, ao empardecer, as traía de volta á casa. Naturalmente, eran elas as que me traían a min. En fin, un aprendizado ou un coñecemento infantil dos que fican gravados para sempre. A conto de que lembro isto? Eu continuei sendo unha nena-rapaza español-falante e tanto na escola como no Instituto non había precisamente estímulos afectivos ou académicos para coa Galiza, a súa lingua, a súa cultura, por moito que gardo magnífico recordo de moitas profesoras e profesores que tiven. Na miña primeira experiencia docente (Outubro de 1975), con alumnado enteiramente rural, non o dubidei: o galego había ser a lingua vehicular. Era unha especie de devolución? O caso é que, na segunda, en pleno centro urbano da Coruña, seguín a mesma pauta. O contrario sería traizón, caridade mal entendida. Aí me empezou todo. Neofalantes? Se somos galego-falantes conscientes, todos o somos. 

Comentarios