Opinión

Galiza é un erro

Que ninguén se alarme. A afirmación que encabeza este artigo non me pertence a min senón que –segundo informacións de prensa– corresponde ao Partido Popular. O conto foi como segue. Na redacción dunha emenda a unha Proposición non de Lei do Bloque Nacionalista Galego, a deputada do PP Dª Teresa Egerique escrebeu o nome Galiza. Seica xustificou tal uso no respeito ao grupo proponente, que o utiliza de forma xeral e única. Non se pasaron nen 24 horas cando o PP reputou un erro a utilización do nome da nación e, mesmo, non demorou a deputada mencionada en lembrar que o PP emprega e continuará a empregar a forma “Galicia”.

Un extraterrestre podería perguntar(se): tanto apuro por un son e dúas letras? Que máis ten? A este suxeito imaxinario cumpriría explicarlle o porqué do asunto. Como é que o nome auténtico da nación –entendendo por tal o nome xenuíno, o nome galego– se cualifica de “erro” polo partido que dirixe a Xunta e que, por tanto, ten a alta responsabilidade de velar pola mellor saúde da “lingua propia” do país? A que se debe tan dilixente e rotundo desmentido, se cabía a posibilidade de, simplesmente, recordar que o usual na prosa deste partido e da Xunta é “Galicia”? De que se quer fuxir, que “pecado” nefando se quer evitar afastándose, radical e extremosamente, da forma histórica, que ten asento en millenta textos literarios e que é a usada hoxe, en toda a súa propaganda, polo nacionalismo político e sindical? Acaso o PP e mais a súa filial, a Xunta (ou é á inversa: a Xunta e a súa filial, o PP?) secundan e apoian a inhumana e disparatada valoración da ex-Valedora do Povo cando foi quen de xustificar a represión escolar exercida sobre unha rapaciña polo enorme delito de usar nun escrito a forma Galiza? É só esta rápida reivindicación do nome castellano da Galiza unha acelerada separación da primeira forza da oposición? Coidamos que non.

Coidamos que, para alén do descrito, esta posición é reveladora, por sintomática, doutra posición política verbo do país máis fonda e que atinxe a moitos máis elementos de definición, a moitas máis variábeis. Galicia é –braden o que quixeren os seus apóstolos exclusivistas– a palabra española que nos designa. Que acontece? Que ela, en si mesma, é un semi-galeguismo do español (non é “Gallicia”). A súa extensión, a imposición na escrita, a súa popularización... (ao igual que “gallego” ou tantas outras voces, “Dios”, por exemplo, como fortemente significativa), o que evidencian non é a súa galeguidade, senón a suplantación da lingua natural da Galiza pola oficial do Estado, a violación domiciliar que esta realizou desde hai séculos e, por tanto, a conversión en masivo do invasivo. Mais a masividade non é sinónimo de autenticidade no sentido de creación orixinal do povo. Este, cando foi libre e autónomo, modelou unha lingua específica, non un híbrido. E o paradoxo rebenta cando se chega a perceber o proprio como alleo e o alleo como proprio: velaí a proba da profundidade e da antigüidade do dominio.

Cal é o lapsus calami do PP-Xunta neste asunto? Ou, mellor, cal o seu fundo inconsciente? A negación do proprio país, por identificación co superior.

Comentarios