Opinión

Os galegos non sabemos ler en español

Non son leitora habitual do DOG; mais, na procura doutro asunto, batín cunha información da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro que me chamou poderosamente a atención: a resolución provisoria das axudas á tradución (activa e pasiva) de obras literarias a que poden concorrer editoras varias. Lembrei entón informacións deste diario en que se denunciaban prácticas intrusas, adxudicacións máis que problemáticas e, aínda, carencia absoluta de criterios na selección e concesión das mesmas. Verifiqueino agora pola miña conta. Tratar de achar criterios obxectivos de conveniencia e/ou utilidade na escolla de obras merecentes de seren traducidas ao galego ou ben desta lingua a outra é labor imposíbel.

Ora ben, o abraio chega ao cúmulo cando topamos (con 90 pontos sobre un máximo de 120) nada menos que coa adxudicación provisoria a un “Instituto para el Desarrollo Educativo y Cultural” (de que “editora” se trata??) de tres volumes co seguinte contido para ser traducido ao galego: “Cuentos de Emilia Pardo Bazán. Tomo I. Cuentos nuevos, de amor, de Navidad y Reyes. Tomo II. Cuentos de la tierra, Marineda, Patria y Terruño. Tomo III. Cuentos antiguos, trágicos, dramáticos y sacroprofanos”.

A autora definiuse a si propria como “escritor español”. A súa descomunal obra así o acredita. Traballou toda a vida para engrandecer a literatura española (e engrandecerse ela de paso). Nas tres colectáneas de contos de temática-ambiente galego (1900, 1907, 1922), para alén de varias das súas novelas, EPB afanouse mesmamente por utilizar-deformar o galego para caracterizar a fala da clase “servil”, isto é, da maioría social galega, da clase traballadora, mulleres e homes, contribuíntes directos, por certo, a manteren as súas (dela) rendas e o seu abastado patrimonio familiar. E agora, para alimentar aínda máis o masoquismo inducido que nos caracteriza, habemos de pagar ler en galego a nosa caricatura. 

Velaí un fragmento (dos moitos elexíbeis) do seu conto “Consuelos” (de Cuentos del terruño, 1907): María Vicentiña, prenda de mi corazón... –exclamó la comadre, abrazando a la costurera–. Echa cohetes, que hoy le envías a Nuestro Señor del Cielo divino un ánguele. Dios está alegre. Nuestra Señora está alegre, el bendito San Antón está que hasta pega gargalladas, y los demás anguelitos..., todo se les vuelve cantar como locos. Llega allá, a los cielos divinos, tu neno, y lo reciben con violines, panderetas, conchas, gaita... ¡Afellas que oigo la música! ¡Dichoso dél! ¡En una caja así, tan preciosa, nos hubiesen llevado a nosotras, enfelices, que nos hemos pasado la vida sudando para ganar el triste comer! Etcétera. 

Non é un procedemento episódico. É sistemático. Encaixa perfeitamente na visión de EPB da Galiza, do galego como lingua, da súa clase traballadora. Dá auténtica grima. Imaxinan como ficará todo isto en galego “normalizado”? Hai dereito, 114 anos despois, a semellante burla? A torsión da historia é tal que cómpre nacionalizar como escritora galega EPB a toda custa? Español a esgalla e EPB en galego!! Hai séculos que se nos impuxo a pau e ferro o español, mais agora vai ser que non o sabemos ler.

Comentarios