Opinión

O galego é un virus que cómpre combater?

Mensaxe telefónica recebida para a terceira dose da vacina: SERGAS RECUERDA: (D......) tiene una cita para la dosis de refuerzo de la Vacunacion (sen til)  COVID para el........ a las...., en el VACINACION (sen til) COVID........ Si usted esta (sen til) en cuarentena o presenta sintomas (sen til) covid no acuda, pongase (sen til) en contacto con su Centro de Salud. Para identificarse puede usar su tarjeta sanitaria, DNI o el siguiente codigo (sen til)......

Posta á fala con outras-os pacientes, uns infórmanme de que a eles lles chegou en galego; outros, en español; uns terceiros verificaron o aviso e non se decataran de que estaba neste idioma, tan “natural” é receber notificacións oficiais na lingua oficial do Estado. É tan difícil redixir estes avisos, para povoación galega, emitidos por un organismo oficial autonómico, en galego? Depende da vontade arbitraria de quen os envía? É unha empresa privada a que se ocupa de cursalos? Haberá que encargar unha novena para que a directora xeral de Saúde Pública teña a ben realizar en galego as súas alocucións públicas? O seu cumprido curriculum profisional exclúe o galego como virus indesexábel? É frase repetida, aplicada a cargos públicos, que tal ou cal encomenda, traballo ou inconveniente, vai no soldo que cobran. É, logo, o uso público do galego incompatíbel co exercicio da súa responsabilidade?

Acudimos pontualmente á cita notificada. Nada que obxectar verbo da organización e da atención sanitaria. Reparamos, iso si, nos “axentes” encargados de dirixir e encarreirar o tráfico humano: guardas de seguranza dunha empresa privada  (Eulen, por suposto), máis unha externalización dun servizo público. Todo que obxectar, nengunha estima, por unha anacrónica e recorrente exclusión da lingua galega. Non hai autoridade superior que mire por ela. Non fai parte de nengún protocolo de obrigado cumprimento. Depende da boa vontade do persoal, de se teñen a ben devolver ao utente o galego que o paciente usa. Xa non falemos de historias clínicas, receitas ou recomendacións escritas. Medicina e escrita galega son planetas independentes, sendo, para maior sarcasmo, unha necesidade social xeral e tratándose dun servizo público que debe garantirse polas autoridades. 

Quen fixer, o día de mañá, unha crónica ou unha historia do decorrer da lingua galega nestas décadas de autoanemia non vai dar feito para se asombrar. Desuso por parte oficial, imposición directa da lingua oficial do Estado, o español, por millenta vías; utilización de aulas de galego para castigar o proprio galego: hai moitos anos, unha escolar viu rebaixada a nota en dous pontos por utilizar nunha redacción a palabra “gostar”, que é a que ela ouvía no seu círculo próximo; antonte, coma quen di, unha nena foi directamente reprimida polo incríbel pecado de usar Galiza!! Para asinar unha declaración xudicial ou policial na lingua que utilizamos, o galego, debemos sacar os santos en procisión, negándonos a subscreber algo traducido, que non se corresponde, por tanto, co que falamos. E tantos e tantos exemplos máis.

Xúntanse, de por parte, a fame coa necesidade: unha tradición secular de exclusión do galego e a habitualidade que ela creou nos proprios galegos, en convivio cunha práctica oficial absolutamente hostil e, como mínimo, indiferente á necesidade de implantar gradualmente unha outra normalidade, a única que pode conferir ao galego un futuro estábel. Por iso cómpre castigar tamén o subsidio público a que este diario ten dereito.

Vírico e viral son, en significado primixenio, sinónimos. O segundo adxectivo, nun uso vulgar moito estendido, reférese mesmamente ao contrario do que se practica co galego. De momento, o galego é tratado como vírico, nunca como “viral”, isto é, como capilarmente repartido para unha ampla audiencia.

Comentarios