Opinión

O galego, en coma inducido?

Leo diariamente prensa catalá. Decote presente o tema da lingua. Sexa na denuncia continuada de como a política lingüística non pode de nengún xeito ser dirixida ou condicionada polos órgaos xudiciais, polos tribunais; sexa na irónica reivindicación dun 75% do ensino en catalán como lingua vehicular (cifra distante da real), como contrapeso á orde do 25% para o español; quer na protesta cívica dirixida especificamente aos grupos parlamentares que tramitan a reforma da lei ad hoc, quer no debate sobre a necesidade de revalidar a inmersión como óptimo método de integración e de cohesión social. En suma, a da lingua é unha cuestión viva, que as forzas nacionalistas (ben que con notábeis diferenzas tácticas) e o movemento cívico reputan central, absolutamente imprescindíbel para o presente e para o futuro da súa nación. Tamén é motivo recorrente na prensa española, con aberta maioría a prol da penalización do catalán e da supremacía do español (nihil novum sub sole hispanico), constitucionalmente recoñecida e implantada. Por caso, unha recente entrevista con Carme Junyent, presidenta do Consello da Lingua, precisamente. A Plataforma per la Llengua –entidade irmá da Mesa pola Normalización Lingüística– advirte adoito da crise que afecta o catalán, da necesidade de disterar aparencias de realidades, do avanzo inclemente do español entre as xeracións máis novas.

Inmersión. Cómpre, no meu xuízo e dunha vez por todas, identificar correctamente o conceito e as súas consecuencias. O español, como idioma oficial do Estado e en nome de tal sobreimposto por toda a parte, é o que ten garantida a "inmersión" omnímoda, a través de potentes altofalantes (políticos, mediáticos, sociais, audiovisuais, musicais, laborais, empresariais, internacionais...). A inmersión en catalán, no ensino, foi e é a única vía "paliativa", isto é, a maneira de contrarrestar tal poderío hexemónico do español e de garantir unha mínima adquisición temperá da lingua catalá con vista a unha socialización posíbel no resto dos ámbitos de uso. Acudirei a un exemplo do século XIX. Como "aprendeu" galego Dª Emilia Pardo Bazán, por máis que non o practicase e que o caricaturizase na súa obra? Por pura "inmersión", quer dicer, por ouvilo decote á xente traballadora, da súa casa e de fóra dela. Por que falaba e escrebía con toda fluidez francés? Ela mesma nolo conta cando refere, en escrito autobiográfico, que se educou "en cierto colegio francés [de Madrid], muy protegido de la Real Casa, y flor y nata a la sazón de los colegios elegantes"; e aínda: "como nos prohibían hablar español, las menos lerdas salimos de allí hechas unos loritos parlando francés a destajo". Claro que... quen vai discutir la grandeur du français (no século XIX, ao menos)!

En Catalunya, a inmersión e, en xeral, a lingua, tema crucial. E aquí? Ben, grazas. Aquí, todo ben. Por activa, por pasiva e por perifrástica. Nuns casos, momificada no nicho do "bilingüismo cordial", ou sexa, na naturalidade da substitución do galego polo español cando este comparece. Noutros, cal oferenda viva no altar deste, intocábel e irredutíbel. Nos de máis acó, como un item irrenunciábel do catálogo nacional, mais sen que se observe –para alén da denuncia partidaria– maior interese en incluíla na axenda política como un tema de primeira orde e importancia, e non como unha citación obrigada e de ritual.

Coñecemos ben os efeitos letais da política estupefaciente. Teremos que nos afacer tamén a unha política estupepaciente?

Vémonos hoxe, na Alameda de Santiago, convocadas-os por Queremos Galego.

Comentarios