Opinión

Un galano poético para os tempos de hoxe

Non son poucas nen mornes as críticas destes tempos á xestión sanitaria pública. Este diario dá conta regularmente de moitas delas, asociadas non só aos pacientes senón ao proprio gremio, aos mesmos sanitarios (médicas-os, enfermeiras-os...). Son xa rotineiras, a por de habituais, citas médicas previstas con varios meses de espera; probas diagnósticas que se demoran; particular afectación, en fin, da atención primaria, aquela que –sempre se nos dixo– ben servida e co persoal suficiente, tanto podería contribuír aos bons hábitos sociais, á hixiene, en xeral, no sentido amplo do termo, a evitar a saturación de urxencias, a unha educación social que  os cidadáns precisamos cando estamos a facer uso dun ben público. Todo aponta a que a situación actual, agravada pola pandemia, é filla dun tempo anterior que, como nas queimaduras, se aprofunda coa pasaxe dos días. Existe fartádego –así o manifestan– nos profisionais da medicina, por unha ratio horario laboral / paciente que non dá garantido unha mínima atención personalizada e en condicións para asegurar ao máximo un diagnóstico e o tratamento correspondente. Para isto, os números non funcionan na escala de alarma, por moito que até as autoridades sanitarias recoñecen que a situación é preocupante. Se ninguén dubida de que unha boa atención telefónica (sempre sobre a base de resolver dúbidas pontuais do paciente, e sempre a partir dun previo coñecemento clínico por parte da-o médica-o do estado e características daquel) pode contribuír para unha eficaz xestión (outra palabra na moda) da doenza, ou do episodio ou dos síntomas correspondentes, non é menos certo que endexamais ela poderá substituír a consulta presencial, o exame directo da persoa, a fala, en definitiva, que pode ter tanto de terapéutica como a química. Sabíano ben certos médicos de antes: non se me vai da memoria a práctica, neste sentido, dun competente doutor como D. José Asorei Segond, que tantos anos exerceu na cidade de Lugo e que tantos pacientes atendeu e curou. 

Pois ben, miren por onde o insigne Ricardo Carvalho Calero inseriu no seu volume Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985), editado por AGAL en 1986 mercé ao contributo económico de 43 persoas que, como tais, figuramos no final do libro, o poema que aquí transcrebo e que reza así:

Ambulatório

Somos velhos,
que os novos estám saos.

Somos pobres,
que os ricos vam alhur.

Falamos galego,
que é língua humilde e antiga.

Receitas, injecçons,
mediçons da pressom arterial.

Para outros mesteres
prefere-se a hospitalizaçom.

Todo à velocidade máxima.
É necessária a fluidez.

Hygeia, deusa,
voa com asas nos nozelhos.

Atender a muitos pacientes,
exige aforro de minutos.

É umha exigência técnica
da seguridade social.

Hoxe non se fala de ambulatorios, senón de centros de atención primaria, mais a fotografía que este poema realiza, hai cuarenta anos, resulta asombrosa e visionariamente actual. A palabra poética tamén nos ilumina e cura, quer dicer, acompáñanos na nosa triganza ou na nosa preocupación. Por certo: teñan a ben os profisionais da medicina saberen que a lingua galega existe. Isto tamén é terapia.

Comentarios