Opinión

Fraseoloxía

Un dos acertos grandes do Curso de Lingua que, en quince entregas, nos agasallou este diario, da man de Rosa Conde, Néstor Rego e Xoán Costa, foi mesmamente prestar a atención precisa á semántica xenuína da lingua de noso. É ela, e a súa tradución lexical, unha das subestruturas lingüísticas que máis agudamente padece a desfiguración e a erosión inflixidas polo idioma oficial do Estado. Corrixir e/ou mellorar o galego que falamos e escrebemos é imposíbel obviándomos este feito histórico que, no presente, lonxe de ceder, medra, nun espello fiel de todo o cúmulo de dependencias que marcan a nosa vida colectiva. Parabéns, pois, á autora e autores deste “manual” por un servizo tan proveitoso. Gostaría de debater con eles sobre tal ou cal pormenor, mais tempo haberá, espero.

A semántica foi conceptuada, en definición clásica, como a parente pobre da lingüística. Na galega, en todo o caso, paupérrima. Gramáticas hai que a ignoran por completo. De por parte, se, no canto de deturpacións debidas a outra lingua, ao español, se falar de “interferencias” mutuas entre este e o galego, transmítese a idea dunha pacífica e amábel cohabitación que colorea un e outro na fala. Na realidade, claro está, un deles detenta todos os poderes da supremacía e o outro recúa a ollos vista e, polo mesmo, ao compás da mingua social, empobrecéndose a cada paso máis. Por isto é tan importante tratar de lle pór freo e por iso son tan valiosas iniciativas como a programada por este diario.

Do empobrecemento actual quero falar. Xulgo tal o calco de fraseoloxía española na moda, aplicada sen máis ao galego ou formalmente traducida. Os exemplos son sobexos. Se acudirmos ao catálogo da hipérbole, a banalización está servida. Eu, se cadra inxenuamente, penso que “pánico”, “fobia”, “devastación”, “estrés”, “vertixe”, “caos”, “heroísmo”... denotan actitudes, sentimentos ou situacións extremas, mais seica son aplicábeis a case todo. Comentabamos un meu amigo e eu a senrazón da expresión “distancia social” en lugar de “distancia física”. Social? Máis aínda da que xa hai? Hoxe, cómpranse e véndense ideas ou discursos (todo é mercadoría). Debemos aprender a “xestionar” as emocións: vaites, vaites! Imos submeter os sentimentos tamén a un expediente de regulación? Xa non teño espazo para me referir a outras andrómenas tipo “a natureza que se rebela”, “seremos mellores”,  “sairemos reforzados” ou “transformar os retos en oportunidades”. Laus Deo. E, por suposto, á xeneralización do feminino gramatical que ten a súa orixe política en “Unidas Podemos”. Problema da españolización semántico-fraseolóxica? Non é en absoluto unha cuestión formal, intercambiábel: é, por contra, índice elocuente dun seguidismo mental, dunha “fábrica” de pensamento que non ten nada de galega e onde a Galiza non existe nen a título de complemento.

Conclúo cun desabafo poético, no seu idioma orixinal, non traducido. Se tal, dedíqueno a quen quixeren: Lo cretino, en ti / no excluye lo ruin. / Lo ruin, en tu sino, / no excluye lo cretino. / Así que eres, en fin, / tan cretino como ruin (“Respuesta”, Desolación de la quimera [1962], Luis Cernuda).

Comentarios