Opinión

Feminino gramatical / feminino real

Leo no noso diario (nº 91): "Cada día do mes de abril Galiza sufriu unha baixa de 54 autónomas" e boto as mans á cabeza. Feminicidio laboral? Axiña me decato, claro está, de que a penosa cifra se refere a autónomos en xeral e xustamente boto en falta na información cantos deste gremio en tan dificultosa situación son mulleres. O mesmo diría de "veciñas" ou de "alcadesas". Esta escolla gramatical non é só que sexa errónea, é que é equívoca e contraproducente, pois mesmamente non discrimina, para sabermos en todo caso cantas son mulleres. Que pasaría se lésemos nos avisos alertadores do tránsito: "X... tantas mortas na Semana Santa do ano pasado". Lemos: "mortos" e este nome inclúe homes, mulleres, nenos e vellos, claro está. Igualmente, se lésemos: "As delincuentes ou as bárbaras que cometeron tal ou cal atropelo...": por que temos de dar por suposto que son mulleres? Tal uso é fillo do paternalismo concesivo ou da concesión paternalista tan de moda nos nosos tempos. Confúndense morfemas con contidos, que é o que importa. Pénsase que –o é masculino e só masculino e –a feminino e só feminino. Mais "membro" vale para ambos xéneros, por exemplo, e será o determinante: o ou a, o que indique o xénero. "Astronauta" é profisión maioritariamente masculina, por moito que acabe en –a. A lingua non é o código civil ou o penal; ten normas internas, colectivas, estruturais, que non se poden "tunear" ao noso gosto. Outra cousa é o goberno do vocabulario e a necesaria visibilización que defendemos da metade da humanidade, as mulleres. Por isto dicemos e escrebemos 

"amigas e amigos", "obreiras e obreiros", "autoras e autores"... Se se utiliza como xeral o feminino gramatical (ignorando que o aparente masculino é comprensivo de ambos xéneros: outra cousa é que isto se corresponda no contido co respeito ou atención ás mulleres), dando por elidido ou suposto o substantivo "persoas", cairemos na redundancia: en falándomos de accións humanas, de mulleres e de homes estamos a falar, non de simios ou outro tipo de primates. Somos persoas, claro. De momento... Esta moda cosmética acredita, maxicamente, no poder fetichista da forma lingüística, cando o que importa, como dixen, é o contido real a que ela se refere. Eu son feminista convicta, confesa e declarada, e polo mesmo resúltame desagradábel que se me usurpe ou confunda a miña condición. Andamos a pendulazos: pasamos da definición nun dicionario infantil de home como "animal que pensa e fala" e de muller como "femia do home" (!), pasamos daqueles protestarios por dar visibilidade ao mundo feminino na linguaxe (cando nunca protestaran polos habituais "asistenta", "clienta", "xastra", "gobernanta"...), á xeneralización actual do feminino gramatical que para nada se corresponde co feminino real. Meus queridos, se xa está cáseque todo inventado: se é a mesma Rosalía de Castro a que escrebeu "orfos e orfas", por non falarmos do seu feminismo radical e integral. Escéptica son verbo do eco destas miñas aseveracións. Observo que as modas actuais axiña se converten en modos, a diferenza das efémeras da miña mocidade. Vaia por Deus e polas ánimas...

Comentarios