venres 26/02/21

Feijoada galaica

A feijoada, o prato nacional brasileiro, é unha comida ben saborosa e nutritiva. A galega é, en troca, intragábel. Referímonos, claro está, ao papel anti-galego que está a exercer o presidente da Xunta, o sr. Núñez Feixoo, verbo da lingua grazas á cal ocupa o seu cargo, mantense no poder autonómico, cobra del e co que aspira a cotizar aínda máis na política española. Servidora, como galega, debe todo o respeito aos seus representantes públicos. Sinto demitir desta obriga cívica cando me teño de referir a un presidente, un conselleiro de Cultura, Educación e Deporte ou uns deputados e deputadas que resultan perxuros da legalidade que os consagrou como tais ou ben prostitúen o seu cargo político en nome de intereses partidistas alleos á súa función.

A todos eles eu non vou falar de dereitos nacionais, de lexislación iuslingüística, de dereitos humanos, da nosa existencia como povo. Tamén non lles falarei das necesidades da lingua galega, após catro décadas de política hostil ou suicida cara a ela, nen das propostas adoito desprezadas pola oficialidade autonómica a prol da expansión e uso social e público da lingua galega por parte de organizacións non gobernamentais que levan á práctica o mandato da normalización da lingua galega. Non, de nada disto vou falar. Voulles reclamar que ingresen na legalidade a que se deben. Voulles esixir, como galega e como contribuínte, que rendan contas da aplicación dunha Lei como a de Normalización Lingüística que acumula trinta e sete anos de existencia. Vounos interpelar a respeito das medidas contempladas no Plano Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade hai dezaseis anos.

Porque... hai que ter valor!! Hai que ter valor para, estando o galego como está, falto de escrita visíbel e xeral, en retroceso no seu uso oral-coloquial, agredido decretalmente desde a propria Xunta..., hai que ter valor para comparecer publicamente, após orde político-mediática conveniente, e amosar preocupación-denuncia pola pretensa retirada do español como lingua vehicular. Texto do “corpo do delito”, da emenda-pretexto: “[As administracións] garantizarán el derecho de los alumnos y las alumnas a recibir enseñanzas en castellano y en las demás lenguas cooficiales en sus respectivos territorios, de conformidad con la Constitución, los Estatutos de Autonomía y la normativa aplicable”. Ula, a novidade? Máis do mesmo, a respeito do que hai. Do que hai, que non é dabondo, no seu servilismo, aos asinantes dunha Proposición non de Lei que se alarman porque se pon en perigo “o equilibrio entre as nosas dúas linguas oficiais”. Equilibrio: ulo?! Onde se dá, onde existe o “bilingüismo”que pregoan? Nas aulas, na prensa, na televisión, na radio, nos xulgados, nas misas, no comercio, nas nóminas, na industria? Onde?!

O PP, a facer méritos para obter os galóns do xeneralato na política española. Prebostes do PSOE, co capitán Trueno-Alfonso Guerra á frente, de inestimábeis aliados. Coido que ao BNG lle vai a vida en falar alto, claro e rotundo nesta enormidade. Existe acaso algún presidente autonómico que amose semellante sadomasoquismo na concepción do seu país?

comentarios