Opinión

Falarmos en galego

No artigo da semana pasada anunciei que neste me referiría a un episodio que me veu á memoria a propósito do uso oral do galego. Facer desaparecer este, perante persoas descoñecidas, en lugares públicos, con interlocutores “superiores”, por teléfono ou por escrito, en fin, en millenta ocasións máis, é o que, como ben sabemos, marca o triunfo da diglosia e a existencia de todo un arsenal de xustificacións ad hoc. É ela, a diglosia, a que crea ideas e razoamentos que visan xustificala e aumentala.  E viceversa. Son estes os que a perpetúan, nun círculo vicioso que, de non ser rompido, nada bon conleva para o galego, sempre criado de servir, sempre a expensas do reino do castellano. A recomendación protocolar de antano impuña que o lacaio, ou o servo ou o administrado endexamais se dirixise ao monarca, ao bispo ou ao superior antes de este falar, antes, logo, de a autoridade dar permiso. A prescrición continúa viva, no binomio antes nomeado: galego / español, e está revestida de subterfuxios variados: a boa educación (daquela, falar galego é un acto maleducado); o respeito ao interlocutor (o galego, pois, sería unha falta de consideración); o bilingüismo, claro está, que vale para todo, menos para facer emerxer con naturalidade o galego. Etcétera. Mil sucedáneos argumentativos máis poderiamos aducir. O caso é distraírnos do conflito real e dar por natural e benéfica a imposición.

No fin dos anos 90, acudiu en visita oficial ao Parlamento galego Esperanza Aguirre, como presidenta do Senado. Na reunión de presidente e portavoces, tocoume a min exercer de tal polo grupo parlamentar do BNG. Benvida, saúdos, presentacións..., todo en español. No meu turno de fala, fíxeno en galego, por suposto, e aclarei que o facía non por usar dun dereito senón por cumprir cun deber de hospitalidade: o de que a convidada ouvise, embora por breve tempo, unhas palabras na lingua da Galiza, en galego. Os rostos dos meus colegas parlamentares eran para seren filmados: algo próximo ao terror, nun silencio que se podería cortar. Ela escoitou sen inmutarse a miña intervención, por outro lado, protocolar e de benvida, e con expresión dos desexos de que coñecese algo a realidade do noso país, en atención ao seu cargo etc. Nada fóra do esperado e previsíbel. Agradeceu as miñas palabras, falou do seu apelido basco, do seu parente catalán (Gil de Biedma) e até de que tiña antepasados galegos ou algo así, e de que, xaora, amaba moitísimo o noso país. Aí os meus colegas de mesa e acto xa se relaxaron, sorriron e se distenderon. No remate do acto, foi ela a que se me achegou para seguir falando: “Oye, tenéis un chico en el Congreso que sabe muchíiiiiisimo de historia”. O “chico” era Francisco Rodríguez, deputado-portavoz do BNG na Cámara española, a quen ela tivera que responder en máis dunha ocasión como ministra que fora de Educación. “Si tal, respondinlle eu, é un compañeiro moi competente e preparado, e defende moi ben todas as necesidades galegas”. En fin, todo cordialidade formal. Cada quen no seu lugar, e o galego, mínimo, presente na Galiza. Vaia novidade, se as cousas normais fosen habituais!

Comentarios