domingo 19/09/21

Falar / calar

Ambos verbos, para alén da rima consoante, sendo antónimos, só se diferencian por un son ou un fonema. Falar / calar: cantas veces non teremos pensado na oportunidade ou na bondade dunha ou doutra decisión. Canto ben causa falar a tergo e, asemade, canto ben pode causar tamén calar no momento oportuno. Mais as vidas de todo o mundo están cheas do contrario: falar cando non se debe e calar cando se debe intervir. Na sexta feira pasada, tiven a ocasión de ouvir na radio declaracións de Borrell, na súa condición de alto representante de Asuntos Exteriores e de Seguranza da UE, en viaxe a Rusia. Recebeu a lóxica resposta do ministro de Exteriores deste Estado, Lavrov, cando se inmisciu en cuestións internas do mesmo. De aí a cita dos presos políticos cataláns. Mais Borrell tivo a ben así mesmo felicitar a Rusia pola consecución da vacina Sputnik contra a pandemia. Realmente, é difícil de entender que se o que se quer é negociar a compra de vacinas rusas (visto o escándalo da financiada por adiantado a todopoderosas multinacionais que, despois, distribúen como lles peta), se use da fachenda maiúscula de se entrometer na política interna do eventual país vendedor. A seguir, como é lóxico, a ministra do ramo, González Laya, defende o seu antecesor no cargo e anuncia próxima viaxe oficial aos Emiratos Árabes (espello de límpida democracia!) mais aclara rotundamente que non está prevista visita nengunha ao rei emérito, alí residente. Que falta de educación para co anterior xefe do Estado a que serve! Non lle levar nen sequer unha caixa de bombóns (perdón, de marrons glacés, hainos galegos, boísimos) como cariño polos servizos prestados durante case 40 anos. Finalidade da viaxe: ignóroa, mais algunha ha de haber...

Á lingua galega cómprelle moita máis fala e xa non digamos moita máis escrita da que ten. O que nada precisa é que se cale a súa existencia, que non entre na axenda política, que pertenza ao catálogo do silenciado. Que supón tal omisión? Podemos pensar que ou ben se admite como normal o statu quo e, por tanto, non hai nada que mellorar, ou ben xa está todo conseguido e non hai nada que reclamar nen nada novo que practicar. Neste sentido, por exemplo, reivindicar o dereito de sufraxio feminino estaría de máis, pois xa está conseguido (outra cousa é a realidade socioeconómica e moral das mulleres). Mais hai algo que chama poderosamente a atención. A lingua vaia si existe para quen a exclúe. Entrevistas do presidente da Xunta a toda plana en español. Responsábeis de Sanidade, idem (unha hipercorrixiu o seu español e falou de tendencia “descendiente”). Ao PP faltoulle tempo para asumir a defensa de iniciativas de Ciudadanos sobre o castellano como lingua vehicular do ensino. Viaxemos agora a mil km. da Galiza. Ninguén discutirá que o catalán en Catalunya goza de mellor saúde pública que o galego, sen perxuízo de continuar a viver en situación de conflito. Non coñezo o programa doutros partidos a este respeito, mais si o de Junts per Catalunya, porque lle dedicaron unha presentación monográfica. Fala ás claras de “nou procés de normalització” en todos os ámbitos. E nós? Falamos ou calamos?

comentarios