Opinión

“... eu aínda estou vixente!!”

A exclamación que titula este artigo non é miña; pertence a María do Carme Kruckenberg: canto temos falado e canto temos rido con ela! Paréceme que a estou vendo: “Pilariña, fai saber que eu estou vixente!!”. Veume ao acordo esta súa brincadeira xunto con outra anécdota tamén protagonizada por ela. Nuns días de estadía nunha residencia, por mor de estar convalecente, irrompe no cuarto unha enérxica empregada para lle ordenar: “A jugar a las cartas!!”. Ela retrucou que ía ler un anaco. Aquela impuxo: “De eso nada! Hoy toca jugar a las cartas!”. Sempre pensei que as residencias e os hospitais deberan evitar a sensación de cuartel que os horarios e as necesidades de atención impoñen.

Kruckenberg era vella e, por tanto, na lóxica dominante, pertencía ao grupo dos “vellos”, sen distinción. Tanto tiña, seica, ter o sentido ben, a cabeza a funcionar debidamente: había un programa que cumprir de xeito uniforme, para todas e todos por igual. Os vellos. Que manía a de encaixalos-as nun grupo sen distincións, a eito, con idénticas deficiencias físico-psíquicas (aínda lembro a miña nai indicar a un médico que lle berraba: “non estou xorda!!”).

De modo e maneira que está na moda, disque, opor novos e vellos, en indubitábel avantaxe para os primeiros que, segundo algúns opinantes, precisan reafirmarse ou autoafirmarse na bondade da súa idade, na excelencia do seu labor e na contraposición aos vellos procederes. Estou totalmente de acordo. Faltaría máis. E aínda vou máis aló.

Como, segundo o último censo, os maiores de 64 anos superan na Galiza a cuarta parte da povoación, propoño que se concentren en varios núcleos da chamada Galiza baleira, ou profunda ou simplesmente deshabitada, por non dicer desertizada, en residencias ad hoc, por suposto privadas (mais con axudas públicas), que de certo atraerían todo tipo de reclamos comerciais, visto que o sector servizos é o porvir da nosa nación. A atención, para facilitar o traballo, sería absolutamente homoxénea. Unha das actividades previstas consistiría, nos fins de semana, no seguinte cántico: “Peredona a tu pueblo, Señor, peredona a tu pueblo, peredónale, Señor!!!” (non sobra un “e”: así o ouvía cantar eu de nena). Cántico de gratitude por existiren e consumiren diñeiros públicos e, asemade, de submiso recoñecemento aos novos que o permiten.

Asáltame, porén, unha dúbida. Non estamos ouvindo e lendo todos os días acesas louvanzas á DIVERSIDADE con maiúsculas? Diversidade sexual, xenérica ou a-xenérica, racial, de físico, de aparencia, de imaxe, de exhibición... A cada paso, máis grupos, subgrupos, grupúsculos, contragrupos... Co doado que sería recoñecer que é a humanidade toda a plural, a diversa, a variada, en todas as ordes, nacións e linguas incluídas. Daquela, os vellos non arrequecen a tan amentada diversidade? Haberá que desbotar a súa historia, por arcaica e cancelada? Alguén leu “Dous vellos que tamén tiveron mocidade”, de Castelao? Hei de dar unha volta ao asunto...

P.S. Xa me esquecía. Falo deles, dos vellos, e resulta que servidora vai para 68. Que distracción a miña!! Será porque aínda me encontro “vixente”, como Kruckenberg?

Comentarios