Opinión

O español precisa de protección... e de diñeiro

Aloleada fiquei cando lin que se creaba unha "Oficina del Español" en Madrid. O nome é insuperábel, pois, como mínimo, é bisémico: tanto podemos entender que se trata dun gabinete público ao xeito de embaixada-refuxio para esta nacionalidade ou, como logo verificamos, para o idioma oficial do Estado. Aclarado este aspecto, tiven ocasión de ler abondosas críticas dirixidas ao seu titular, antano debelador de "chiringuitos" e experto en transfuguismos varios. Non concordo con elas. Na realidade, Toni Cantó non practica o transfuguismo senón a arte da reubicación dentro do mesmo campo españolista, e ao servizo dos mesmos obxectivos imperiais. Hai quen se escandaliza do pagamento de 75.000 euros anuais por semellante cacicada, mais non hai problema: os 5'4 millóns de euros de sanción aos cargos públicos cataláns, divididos por ese salario anual, dan para 72 anos de remuneración. Nengún problema.

Os vasos comunicantes do Estado poden funcionar eficazmente. A idea é espléndida, mais incompleta. Boto a faltar algo fundamental: dotar a esta oficina dun himno adecuado. Propoño: "La española cuando besa, es que besa de verdad, y a ninguna le interesa besar por frivolidad" (a letra enteira, claro). Como o responsábel desta oficina ten dotes actorais, pode encargarse el mesmo de cantala e divulgala a toda voz. Un outro problema é de máis difícil solución: as forzas vivas de Salamanca (alcalde, universidade e asociacións varias) protestaron iradamente polo que xulgan unha usurpación inadmisíbel, porque, seica, o español-verité é o que alí ensinan e expanden polo mundo. Vaia por Deus! Unha retesía incómoda no largo campo de españolismo... Tanto mando en praza e non se poñeren de acordo!

Ora ben, nada lin da crítica primeira e principal. Lean, por favor, os artigos 4 e 5 do actual (reformado) "Estatuto de Castilla y León": todo un alarde de historicismo pro domo sua (con mención, por suposto, do "Reino de León") para xustificar a superioridade inxénita do castellano. Mais, para alén de toda esta fachenda legal, dáse a circunstancia de que o español, estatutos á parte e oficinas á marxe, mantén toda a súa conspicua hexemonía legal na intocábel Constitución española de 1978. Véxase o seu artigo 3 que impón o deber universal de coñecer o español e o dereito igualmente universal de o usar para todos os cidadáns submetidos ao Estado e subordinados a el. A partir de aquí, as linguas que non son o español fican en inferioridade-limitación manifesta, precisadas do superior e imperial permiso da única lingua merecente de ser chamada oficial. Os seus efeitos á vista están, para quen os quixer examinar.

Daquela, propoño que, entre nós, onde tanto inza a domesticidade e o voo de baixa altura e sempre con permiso da superioridade, se funde, a cargo da ínclita autoanemia, algo así como unha "Oficina de la Cosa Gallega", constitucional e estatutaria a tope, na lingua autorizada e á maneira dunha legación interna ao proprio país. Tratan o galego como unha lingua de embaixada, dicía hai moitos anos Pilar Pallarés. Agora teñen a oportunidade dunha réplica comme il faut, moderada e sensata. Anímense.

Comentarios