Opinión

España cañí

Unha miña amiga, cando desespera por cuestións colectivas que nos pasan a nós, galegas-galegos, adoita exclamar: "Non temos remedio!". Non se aponta ao fatalismo, é simples desabafo, ao verificar o triste papel que nos fan xogar ou a reacción submisa e compracente (masoquista) ante determinadas ofensas. Eu non sei se temos remedio ou non, mais o que si sei é que a España política, desde logo, semella non o ter, fiel a unha esencia que vai de mal en pior. Na máis rancia tradición colonial, o anterior xefe do Estado, o rei emérito, escolle a Galiza para a súa partida-fuga e, agora, para o seu retorno. "Emérito": a emeritaxe universitaria concedíase a catedráticas-os con particulares méritos na súa carreira investigadora-docente (poden rir todo o que quixeren...), acompañada do privilexio de cobraren o mesmo soldo que estando en activo. Á vista dos feitos, acaille o adxectivo ao interfecto, por titular que foi da monarquía herdada da ditadura e por continuar o Estado contribuíndo á súa manutención. Ora ben, nesta ocasión, na visita-estadía en Sanxenxo (nome lexítimo e legal, dificilímo de pronunciar, seica, para a mediática española, que o reproduce como "Sansenso", "Sanchencho" ou, no revival deformador, "Sangenjo"), dísenos que se trata dun acto privado, da vida persoal e só en conexión coa familia do rei actual. Vexamos. Pensemos nesta xustificación. Un cidadán calquer, fugado do seu país por obvias infraccións, decide retornar ao mesmo e, como non, ten ao seu dispor: 1) guardacostas e asistentes; 2) guarda civil ao servizo da protección da súa morada; 3) avión asegurado de ida e volta; 4) todo tipo de regalías no lugar de destino. Seguimos? Por suposto, ese cidadán en visita privada tamén será recebido por decenas de xornalistas de todo o mundo.

Ter que aturar que o presidente da Xunta e outros correlixionarios cualifiquen o feito como magnífica nova para a Galiza e aínda como engado turístico para Sanxenxo faise difícil de suportar. Asistir a declaracións de representantes do goberno español que suxeren que debería pedir perdón ou dar explicacións raia no tartufismo político máis detestábel. Asimílase agora a responsabilidade política, civil, penal, institucional... a unha confisión sacramental da Igrexa Católica? Ouvir á pretensa póla "esquerda" do tal goberno (ministro Garzón) definir o retornado como "delincuente acreditado" sobarda toda marxe de cinismo. O goberno español ampara, logo, un elemento desta laia?

Afortunadamente, toda esta montaxe tivo a súa adecuada resposta, en forma de manifestación cidadá ("Galiza non ten rei") que denunciou a impunidade e a corrupción da monarquía. Porque aí está o quid da cuestión (ou, como escrebeu alguén nun concurso literario, o “quiz”): uns e outros, do arco político español, apoian, sosteñen, amparan e viven grazas a unha forma de Estado prevista e imposta no rexime anterior, como garante da ferreña "unidad nacional" e, por tanto, da opresión legal das nacións que o compoñen. Non se trata de que o pai desacredite o fillo: ambos son pezas da mesma engrenaxe dinástica ao servizo de igual causa supremacista. Uns días antes, o rebumbio españolista vibrou emocionado (tutti quanti) co "triunfo" eurovisivo dun espectáculo que poderíamos titular "Nádegas Marca España", como naqueles anos do inmediato post-franquismo onde a machistada tiña fame de carne feminina en pantallas cinematográficas e televisivas. E este é o carro ao que estamos xunguidos... Laus Deo!

Comentarios