Opinión

Eran pexegos...

Oconto foi así. Mercamos unha caixa de froita que se asemellaba aos melocotóns. Antes de os catar, chamoume a atención o tamaño máis pequeno e a prana: a cor non era a amarela daqueles. A proba retrotraeume ao sabor daquelas estivais froitas de óso de que non me daba fartado, de nena, na casa duns meus tíos nunha parroquia de Tui: pavías, ameixas, fatóns... Isto son pexegos, exclamei decontado! Por iso a textura e a cor eran diferentes. Acudín á etiquetaxe da caixa: “Melocotón blanco. Summer sweet. Origen: España”. A procedencia comercial: un local de Mercamadrid. Estache ben a cousa, pensei. Ou ben róubannos os pexegos ou ben temos de consumir os producidos noutro lugar, puidendo cultivar e consumir os de aquí. Imos ficar xa sen nomes habituais noutrora, por telos diante de nós e podelos ver e, neste caso, comer. Os nomes, no combinado español-inglés. O galego, inexistente. Quixo a casualidade que polos mesmos días unha amiga me enviase un corte, supoño que televisivo, de Álvaro Cunqueiro, onde, en castellano mais cun fortísimo sotaque galego, se estendía na avantaxe do gozo superior de degostar alimentos sabéndomos a súa procedencia e etimoloxía (Cunqueiro en estado puro) e, entre eles, citou o pexego < persicum: velaí a súa orixe xeográfica e, por tanto, lingüística.

Tamén polos mesmos días tiven noticia da iniciativa municipal de Cee para favorecer o coñecemento da vila e das visitas que é aconsellábel facer. A campaña titúlase “Coñece o teu pobo”. Rótulo insuperábel que se me ocorre parafrasear. Non é de agora o cruzamento ou confusión lexical entre “povo” e “vila”. A segunda, con sentido xeográfico (o referido naquela iniciativa); o primeiro, social e/ou político (a “xente”). Nada de casual ten que naufragase nas augas da inundación españolizadora e que chegase a popularizarse “pueblo”, o termo español, como marca xeográfica, nunca como identificador nacional. Se utilizarmos este convite no sentido que aponto, a súa mensaxe é perfeita: por riba de lugares e de localismos, coñezámonos, isto é, coñezamos o noso povo, o povo galego. Facérmolo pasará inevitabelmente por identificar e recoñecer a súa existencia, xa que logo, a da propria Galiza, e, a partir de aquí, quen fomos no pasado, como chegamos até hoxe e até aquí, e, en fin, se merecemos ou non traballarmos por existirmos no futuro.

Isto todo, en positivo, definiu a vida, os traballos e a fin, por morte matada, de Alexandre Bóveda, de quen hoxe se cumpren 85 anos do seu ominoso fusilamento. Foi a súa convicción basilar e o motor da súa actuación como patriota, como nacionalista galego. E si, tal e como Castelao desexaba, a súa labarada continúa viva e vixente en entidades que se orgullan de levaren o seu nome, como a A. C. Alexandre Bóveda da Coruña, a Fundación homónima ou todas as entidades que o honran.

Desta mesma convicción e afán foi o labor de tantos anos de Francisco Pillado, cuxa morte choramos hogano: o seu traballo cultural, no teatro, na edición, no asociacionismo cultural, foi fillo do amor á Galiza, da fe na súa cultura e da esperanza en rectificar, con obras, a historia herdada. Descansa en paz, querido amigo.

Comentarios