Opinión

Empoderamento

"Empoderamento” é palabra na moda, fixada como meta de autoelevación das mulleres. Proveniente, como non, da imperial factoría anglosaxona, adóptase como ladaíña repetida acriticamente. Pergúntome se o tal “empoderamento” será o problema das caixeiras de supermercados, das infrapagadas, das traballadoras domésticas sen dereito a percepción económica por desemprego, das paradas... e de tantas máis. Axirán na procura do tal empoderamento ou aspirarán, sen máis, a un trato laboral e salarial digno, ese que as leis din garantir? Mais toca empoderarse, faltaría máis, e a seguinte pergunta fundamental non se plantexa: elevarse a que poder, con que condicións, servindo a que intereses e a que amos, sendo cúmplices ou non do poder que mesmamente isola e marxina a maioría das conxéneres?

“Segundamente”. Leo neste diario que as escritoras galegas asinaron un manifesto no castelo de Soutomaior. Máis realista sería referirse a un grupo de escritoras galegas, pois supoño que as non presentes non pertencerán ao gremio de electricistas ou de modistas. A presidenta da Deputación de Pontevedra cualificou o manifesto de “histórico”. Lin atentamente a noticia e hai varios extremos que me chaman a atención: 1º) houbo leitura de textos de escritoras galegas e españolas, todas no mesmo pack; 2º) na interpelación-reclamación á Real Academia Galega, propoñen que as vacantes foren ocupadas por mulleres nos próximos dez anos e que no mesmo período sexan tamén mulleres (supoño que escritoras) as celebradas no Día das Letras Galegas. Vexamos. A RAG mantén a norma de que as vacantes a cobrir sexan por falecemento dos seus membros. Como supoño que ninguén desexa unha morte masiva de académicos que provoque un alto número de vacantes, vexo mal a cousa. Canto á designación para o Día das Letras, continúa vixente o requisito de mínimo dez anos feitos do pasamento de quen for para poder ser elexido-a. Mesmo problema. Unha outra cousa sería a alteración completa destas normas, o que permitiría, por exemplo, lembrar Maria Balteira e a apaixonante historia da Galiza do seu tempo ou, moito antes, Exeria, fundamental na Galiza tardorromana, ou, por suposto, escritoras finadas recentemente ou escritoras-es vivos. Fantástico. Non prevexo que as cousas vaian por aí.

Anúnciase a creación dun observatorio (outro!): imos acabar por ser un L’ Osservatore Romano panóptico. Observo, si, que todo se resolve na autorreferencialidade, nun feminismo circular, que comeza e acaba nas mesmas protagonistas. Chámame a atención, por exemplo, que non se mencionen: bibliotecas escolares e xerais, librarías, estado anémico do ensino da literatura, radio e televisión públicas... O número de escritoras e escritores actuais é inversamente proporcional a: a) saúde social (pleonasmo) da lingua galega; b) masa real de leitoras-es; c) influencia do libro publicado; d) mecanismos operantes no mercado editorial-mediático. De por parte, eu non sei se alguén acredita en que unha historia milenaria se poda disolver da noite para a mañá. E aínda: esa historia milenaria, en todo o que ten de excluente, de misóxina, de naturalizar a invisibilidade feminina pública... ha de ser coñecida e submetida a crítica. E cando digo submetida a crítica, digo tamén que ha de estudar e valorar aqueles escritores que se arredaron do pensamento sexista dominante como o caso daquelas escritoras que sucumbiron a el. Coñecer é disterar.

É a miña percepción. Naturalmente, estou certa de que estas valoracións han merecer a atención e o respeito con que eu lin as do manifesto citado.

Comentarios