Opinión

Emigración

O  inverno da emigración / roubounos a primavera, / quen eu era xa non son / e ti non es a que eras. Estes versos pertencen á canción “Muller”, unha das máis cantadas por Fuxan os Ventos e das máis aplaudidas polo público, mesmo moitos anos despois da súa estrea (1978). A súa autora é María Pilar Campo Domínguez, isto é, Marica Campo, e nestes oitosílabos atina a sintetizar con toda a xusteza un dos dramas da emigración: son as palabras que dirixe á súa muller o home retornado da mesma. Dúas soidades e dúas desolacións, distancia por medio. Dúas mudanzas. A enerxía laboral ao servizo doutra economía, doutro país. A experiencia tan coñecida e tan contada de non ser de aquí nen ser de aló: as saudades da Galiza fóra e o desexo de voltar ao lugar de destino, unha vez aquí. Lóxico: somos de onde moramos, de onde traballamos, de onde trabamos relacións sociais, idioma incluído, e psicoloxicamente o máis estábel e positivo é a máxima integración no país receptor. O drama colectivo é o baleirado-vaciado da Galiza, a naturalidade con que se admite esta expulsión, cal fatal destino. Historicamente, ao servizo dun gran negocio, que traficou con galegos e galegas impunemente. Hoxe, co dogma da globalización, que quer facer de nós semoventes aptos e prontos para nos deslocarmos a calquer lugar do planeta, alí onde ao capital interese e ao seu servizo.

Si, tamén hoxe a emigración é fomentada e promovida, embora sexa con características diferentes á pavorosa, por multitudinaria, dos séculos XIX e XX. Continúa a física e acrecentouse notoriamente a “mental”: para sermos alguén, cómpre triunfar (ou, simplesmente, facerse ver) fóra, en España, ou en Europa ou en calquer lugar do mundo: velaí a triste compensación de que valemos tanto que progresamos onde formos. E a Galiza? A Galiza, no rocho ao que acudir ocasionalmente: as raíces, a comida, os bares, as praias, a natureza, a familia e o turismo. Feliz porvir colectivo, abofé!!

Ao servizo desta concepción temos agora máis un instrumento: o AVE Madrid-Ourense. Seica a estación da Gudiña se chama “Porta de Galicia”. Propoño instalar nela un nodo (perdón, hub) de macro-distribución de viaxeiros: todo o cupo periódico de galegos-as que deban ir a Madrid ou desde ela a calquer lugar do mundo, e, á inversa, todos os españois ou doutras nacionalidades que nos veñan turisticamente visitar. Uns polos outros: entraren e saíren en movemento permanente. Só un pequeno problema. Na magna inauguración deste tren (Madrid-Ourense) coido que se cometeu un erro imperdoábel de programación e protocolo: o Xefe do Estado, o presidente do goberno español, o da Xunta e as ministras de Traballo e Transportes (léase, a da brétema mental), unha vez chegados a Ourense, deberan ter completado a viaxe intragalega indo, en tren por suposto, a Lugo; da cidade murada á Coruña; desta, a Ferrol. Que levaría moito tempo, moito máis que o da súa primeira e inaugural viaxe? Ah, aí lle doe!! Non se trata de coñecer a colonia na súa integridade? Como é que fixeron unha viaxe tan limitada?

O tempo, si. Tempo rapidísimo para irmos a Madrid e tempos lentísimos para unha consulta médica ou proba diagnóstica, para resolver unha crise industrial, para dotar debidamente á sanidade pública, para cobrir baixas docentes... Para algunhas cuestións, tipo lingua galega, nen tempo hai, porque xa se conxelou a súa presenza e nen sequer figura na axenda de ninguén como tema político. Mais... que cabeza teño! Que terá a ver este catálogo de necesidades co tempo do tren? A quen se lle ocorre colocar no mesmo plano os camiños de ferro e a vida social e económica diaria? Disimulen a inconveniencia: é o día dos santos inocentes...

Comentarios