Opinión

Ego, me, mei, mihi, me

Paso practicamente todos os días diante da sede da UIE (Universidad Intercontinental de la Empresa [Abanca]) e leo as mensaxes de publicidade dos seus graus e másteres. Hai unha que me ten engaiolada: "Conviértete en tu mejor versión". Lémbrame o que me recomendou, hai moitos anos, un horóscopo que me leron: "Sé tú misma". Que remedio!, pensei. Olla que se me dese por me "transfigurar" fóra de min, que caso! A táctica propagandística-publicitaria é ben coñecida. Sobran os exemplos: "Con el enfoque leader, tu territorio rural tiene el poder"; "Este ano planéalo ti" (o Arde Lucus); "Por ti, los primeros"... Hai xa anos que unha coñecida marca de cosméticos abriu o camiño: "Porque tú lo vales". Así mesmo, é corrente o apelo a que somos nós quen formata os seguros, ou as contas ou os empréstimos ao noso xeito (a cousa é cómica: habemos pelexar un día si e outro tamén para que o banco de turno non nos cobre comisións absolutamente abusivas e véndennos que somos nós os que diriximos a operación). É a refacción da vella máxima: "Querer é poder" ou "Quen vale, sempre chega (= triunfa)", que, hai 155 anos, Rosalía de Castro diseccionou perfeitamente no diálogo entre o home e a musa que precede á súa xenial novela El caballero de las botas azules (1867), peza teatral e novela que analisou lucidamente Francisco Rodríguez hai máis de trinta anos.

Ingredientes: uso do pronome de 2ª persoa, nunca dun distante ou respeitoso "vosté" ou "vostede". A manobra de aproximación transmite equidade e reciprocidade: todos somos o mesmo, todos estamos en igual  plano (!!); lubricación da autoestima do destinatario: todo é poñerse, non hai dificuldades obxectivas, a vida depende da nosa vontade; a empresa-compañía-universidade... é un ente benefactor que non procura lucro e beneficio á alza, senón a nosa felicidade e benestar; non hai, por suposto, clases sociais nen diferenzas visíbeis de opcións e de posibilidades: o suxeito é elevado ao pedestal da súa propria autorrealización, porque o merece. O futuro está nas súas mans: "No es lo que eres, sino lo que serás".

Casualidade, nengunha. A campaña encaixa, como a luva na man, coa manipulación semántica constante dos grandes focos de poder financeiro-político-mediático e mais co cultivo sistemático do narcisismo-individualismo a toda máquina. Se ben se olla, estamos no reino do oxímoro permanente, mais tanto ten: a torsión lingüística avanta imparábel. Hai poucas datas, no Foro Internacional Digital Enterprise, celebrado en Málaga, Obama advogou por un capitalismo inclusivo que reducise as desigualdades. Capitalismo inclusivo: contradictio in terminis absoluta. Hai pouco, tamén limos a nova de unha muller galega celebrar por todo o alto un ritual de casamento con ela mesma. Seica se chama "sologamia". Casar con unha mesma: outro oxímoro tamaño catedral. Todo se pode tunear, todo se pode submeter ao photoshop.

O difícil é pasar do mecum ao nobiscum, un chouto do estilo dos de Ana Peleteiro e as súas proezas. E a nós, galegas e galegos, vainos a vida en decatármonos da nosa común pertenza identificadora: a nación, a lingua, o territorio todo (non a aldea, a vila ou a cidade elevadas ao altar localista), a historia, a economía, a cultura distintiva, en fin. Do ego ao nos, en definitiva.

Comentarios