Opinión

Dúas mulleres galegas

Deixounos hai uns días Elvira Varela Bao. Da súa personalidade deu cumprida conta Sermos Galiza e, agora, este noso diario. Nada en 1926, a súa memoria conservou con prodixiosa fidelidade a recordación de seus pais, do inicio da guerra civil española, do cárcere e represalias a que eles foron submetidos e da dureza dunha posguerra inclemente. Ben se pode dicer neste caso, como ensina o refrán, que os cachos saen ás olas, pois Elvira gardou sempre como un tesouro todos os documentos, fotografías, libros e obxectos vinculados á militancia nacionalista dos seus proxenitores, a mestra Elvira Bao Maceiras e o mariño Bernardino Varela do Campo, membros ambos das Irmandades da Fala da Coruña e do Partido Galeguista. Despois do seu encarceramento (ela foi acusada de facer “ostentación de sus ideales, incluso con los niños de la escuela”) , tiveron de abandonar a morada da rúa Rubine (no centro da Coruña) por acoso constante de elementos falangistas e criminais, os mesmos que mallaron en Ramón Vilar Ponte, no ano 1953, o que acelerou a súa morte. San Roque de Afora, onde se trasladaron, estaba, daquela, fóra, efectivamente, da contorna urbana e alí foron sobrevivendo coa escola particular de Elvira Bao. Soubemos dela cando incluímos un seu testemuño epistolar (A Nosa Terra, 9 de Outubro de 1933) Xoán Costa e unha servidora no volume O ensino da língua. Por un cámbio de rumo (1995). Coñecemos a filla pouco despois e xa ficamos vinculadas amicalmente para sempre. Exemplo de dignidade, de firmeza, de cariño á causa do nacionalismo galego, sempre disposta a participar en cantos actos foi requerida, o seu cadaleito foi coberto coa bandeira da patria: que menos para quen sempre se adheriu ao que xulgaba representación contemporánea do nacionalismo dos seus proxenitores.

Hai doce anos, tamén no verán, no mes de Agosto, fóisenos Teresa Vilar Chao, a filla e legataria entusiasta do seu pai, Ramón Vilar Ponte. Tendo falecido moito antes os seus irmáns Xaime e Xosé Ramón (por certo, para cando unha mostra da súa valiosa obra pictórica?), foi ela a gardadora leal do legado documental e bibliográfico de seu pai, depositado hoxe no Parlamento galego. En 2007, Lois Diéguez e Xoán Carlos Garrido entrevistárona para a revista Terra e Tempo, editada pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. No mesmo ano, publicáramos Xesús Blanco Echauri, Goretti Sanmartín e quen subscrebe o volume que incluía catro importantes obras de seu pai, a comezar por Doutrina nacionalista, mercé aos bons oficios de Juan Soto na Deputación de Lugo, e dedicámosllo naturalmente a ela, que xa nos tiña facilitado inéditos do grande nacionalista que fora Ramón, como unha biografía de Pastor Díaz ou un ensaio sociolingüístico, ambos editados tamén.

Cábenos a consolación, pois, de termos recoñecido e homenaxeado estas dúas compatriotas en vida, única forma verdadeira de celebración. Grave confusión teríamos se pensásemos que se trata só de fillas devotas de seus pais. Foron e son, na nosa memoria agradecida, activas membros da historia de noso, afanadas en que ela, a historia do povo galego, exista e persista.

Comentarios