Opinión

Entre o disfemismo e o eufemismo

Entre o disfemismo e o eufemismo. Por esta orde. O Bloque Nacionalista Galego leva tempo aturando unha campaña político-mediática que leva á histeria a confusión de desexos, prognósticos e realidades.

Entre o disfemismo e o eufemismo. Por esta orde. O Bloque Nacionalista Galego leva tempo aturando unha campaña político-mediática que leva á histeria a confusión de desexos, prognósticos e realidades. Diráseme  -con razón-  que isto foi o pan noso de cada día des que o nacionalismo galego contemporáneo naceu á política activa na nosa nación (algún día se escreberá a historia de toda a colección de mentiras, insidias, falsías e pelouros colocados no camiño para sepultar o que estaba nacendo ou introducíndose socialmente; algún día se desclasificarán papeis, acordos ou gravacións que o demostrarán). Efectivamente, en termos absolutos, o acoso ao nacionalismo galego non é recente. Tratábase  -e trátase-  por todos os meios de impedir a triangulación intraestatal. Cataluña e Euskadi posúen organizacións nacionalistas asentadas e fortalecidas  -para alén de xogaren con intereses proprios no Estado. O equivalente na Galiza  -a simples existencia do nacionalismo e a súa actuación política-  pon á vista de forma patente a impostura democrática dun deseño estatal cerradamente unitario e uniformizador, ad maiorem gloriam dos requerementos da globalización rampante.

Vén, con efeito, de lonxe a campaña deformadora e destrutiva, mais nestes últimos anos e meses a artillaría agresora valeuse de todos os meios posíbeis. Referireime só a algúns componentes dun macro-disfemismo montado sobre o BNG:

-A súa adscrición aos “partidos tradicionales” (!). Contra todas as evidencias, convértese a antítese dos partidos españois e españolistas que representa o BNG en sumando dos mesmos. Cal a tradición do BNG? Quen abriu a boca e pelexou neste país polos camiños de ferro, pola pesca, contra a brutal disciplina da UE, polo sector lácteo, polos usos sociais e públicos da lingua galega…? 

-A colección de adxectivos. Descarada e flagrantemente sacados a pasear: sobrante, arcaico, irrelevante, pasado…, por se non abondase o repertorio tradicional: radical, intransixente e do non. Abonda con lembrar o que afirmaban os vellos manuais de preceptiva literaria: quen non ten ideas ou non as pode razoar enche a prosa  con adxectivos, petando con eles no receptor para que a visceralidade se impoña sobre o razoamento.

-A atribución ao BNG dos problemas dos demais, nomeadamente daqueles que tanto se afanaron en lañar e destruír o BNG. Non se decataron os amábeis leitores de que existe, segundo os meios de comunicación, un cripto-partido chamado Ex_BNG, sempre para desprestixiar este, que, segundo aqueles, continúa a ter que se responsabilizar dos problemas de quen o abandonou? Cómpre endosar ao BNG o fracaso e a desunión promovidos polos que os fabricaron.

-“O nacionalismo dividido”, basta mentira de, igualmente, repetitiva mención. Até as pedras do camiño saben que toda formación política, grupo ou grupúsculo que abdica do principio e da convicción na validade nas proprias forzas, na propria capacidade de decisión, de responsabilidade e de goberno, que precisa o permiso telefónico-internáutico de Madrid ou de Barcelona, que aceita, pois, a necesidade dun tutor externo e superior…, até as pedras do camiño saben, como digo, que unha tal forza así denominarase como quixer, será o que lle pete, mais non nacionalista.  

En fin, a campaña do disfemismo chegou a extremos ben desagradábeis. Sempre en negativo, falseando a historia unha e outra vez, confundindo datos e datas, elevando a todos os que abandonaron o BNG e acosando (interrogando, que non perguntando) os representantes públicos deste, nunha operación tan tosca canto descarada: tratábase de decretar a morte civil, de expedir unha acta de defunción, de sepultar por asedio e rendición o adversario convertido en inimigo a bater. Moi democrático todo, imparcial e ecuánime, abofé!

Imponse a “transversalidade”; elimínanse clases sociais, intereses de clase e de país

O eufemismo  -anverso do descrito-  estivo tamén ben servido, só que dedicado ao que conviña promover e promocionar. Os partidos ou organizacións políticas convértense en “marcas” a vender. O temario político galego naufraga no oceano español. Por orde decretal desaparece a fronteira esquerda / dereita, mais non para desvendar o que estes significantes teñen de significado verdadeiro, non para esclarecer a diferenza entre o verbal e o real, nen moito menos para os aplicar a Galiza e ás súas necesidades políticas e sociais ou para trazar as liñas de separación entre o nacionalismo galego e o españolismo de calquer cor, de calquer vestimenta. Nada diso. Imponse a “transversalidade”; elimínanse clases sociais, intereses de clase e de país e, por suposto, decaen da verbal axenda política todos cantos asuntos resulten conflitivos ou obriguen, inescusabelmente, a tomar partido. Fóra a crise fonda da lingua galega (iso non interesa á “xente”). Fóra a política feminista (xa todo o mundo a “asume”). Fóra o pronunciamento sobre a estrutura do Estado (porque se olla a realidade desde unha España política dada como inevitábel e inamovíbel). Desde flancos moi diferentes na forma, paira a pergunta nunca formulada explicitamente: todo vale contra o nacionalismo galego? Si, todo vale. Aí funcionou o ponto de encontro crucial.

Vistas as circunstancias, e a pesar das labazadas non menores recebidas, o BNG librou esta batalla eleitoral con garantía de permanencia repartida por  toda a nación. O ponto de chegada dista moito de ser o satisfactorio e o desexado. Mais, como toda desembocadura, este ponto de chegada é imposíbel de entender sen atendermos ao ponto de partida e ao contexto en que estas eleicións se celebraron. Entre o eufemismo e o disfemismo debe abrirse paso o realismo. Entre a pirotecnia e a desolación, a análise, a vontade e o ánimo para proseguirmos un labor de concienciación e mobilización que vai moito máis aló do aumento eleitoral. Trátase de asegurarmos que a Galiza exista como tal, con toda a atención política que merece, co foco de luz que todo povo normal coloca nos seus asuntos. Máxime nestes tempos en que o “penso, logo existo”, o cogito, ergo sum, substituíuse polo consumo, ergo sum. Pola conta que nos ten, neste marco onde o bipartidismo español xa fabricou e vendeu pezas de substitución. Hai anos, un alto directivo da Citroën declarou que a firma non fabricaba automóbeis para se lucrar coa súa oferta, senón realmente para gañar coa venda dos repostos. O sistema español precisaba urxentemente pezas de recambio, rectificar o motor, se seguimos co símil automobilístico. Nosa debe ser a responsabilidade de mirar por nós. Para unha outra entrega caberá falar de evidencias e de necesidades. Autocriticamente? Por suposto. Mais que ninguén nos convide a confundirmos autocrítica con liquidacionismo. O BNG está vivo e actuante porque a Galiza existe e está viva. E viceversa.

Este artigo viu a luz nas páxinas do número 147 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Comentarios