Opinión

Dicionarios

É frecuente apelar ao dicionario da Real Academia Española, para o español, e ao da Real Academia Galega, para o galego, como referencia de autoridade no uso dunha definición dada, de que se extraen, logo, as oportunas consecuencias. Por veces, apélase a estas fontes cal se fosen case divinas e irrefutábeis, sendo –como calquer outra– obras humanas e, por tanto, falíbeis –ou, como mínimo submetidas a modificacións obrigadas por mudanzas de índole ideolóxica, cultural ou moral, cando non ao que se considera politicamente correcto nun determinado momento histórico. É ben sabido que o problema das definicións aparece en todas aquelas dependentes dunha visión filosófica, teolóxica, ideolóxico-moral, en fin, da existencia humana, desde a propria división sexual até a caracterización de povos, etnias ou nacións diferentes das dominantes e hexemónicas. Todos os dicionarios, sen excepción, son vítimas non só do paso do tempo senón da carga de preconceitos e ideoloxía previa dos seus autores: a lexicografía tradicional non escapa a esta regra, antes ben, reprodúcea e difúndea. Que diríamos hoxe dun dicionario galego do século pasado, previsto para a infancia, en que aparece a definición de "home" como "animal que pensa e fala", e a de "muller" como "femia do home"? A maior abondamento, a primeira acompañada da imaxe dun home barbado, "moderno" a aquela altura, e a segunda, dun retrato feminino co peito descoberto. Nesta lóxica, tamén se podería definir "muller" como "animal que pensa, fala e pode xestar e parir" e "home" como "macho da muller".

É ben coñecido o caso das acepcións asociadas ao xentilicio "gallego". Adóitase reiterar o criterio dun empirismo chato, en virtude do cal se unha determinada acepción pexorativa existe, como tal hai que a rexistar, porque é exterior e anterior ao ditame académico. Realmente, a lexicografía tradicional precisaría dunha boa reviravolta. Hai acepcións sociais, políticas, epocais ou zonais, que, sendo recollidas, deberían levar como acompañamento imprescindíbel: CONNOTACIÓN RACISTA, CONNOTACIÓN XENOFÓBICA, CONNOTACIÓN SEXISTA ou CONNOTACIÓN CLASISTA, así, en letras ben grandes, e segundo o caso. Quer dicer: a asociación de "tonto", "taimado", "mozo de cuerda"… aplicado a "gallego" non pertence á denotación deste xentilicio senón a asociacións disfemísticas de tipo racista, como tantas aplicadas a "negro" ou a "gitano". Dicionarios portugueses non se subtraíron a este fenómeno: o vello dicionario "Editora", na súa 5ª edición, de 1977, inclúe en "galego" a acepción de "dialecto da Galiza" e, en sentido figurado, iso si, "moço de fretes". E "galegada", sen nengunha indicación: "ajuntamento de galegos; acção ou dito próprio de galego; grosseria". Nas asociacións de tipo sexista, hai para dar e tomar abondosamente, como é sabido, ao igual que as definicións de natureza clasista, quer eufemísticas, quer disfemísticas. Ben se podería compor con todas elas un neo-glosario, sendo que en galego non existe un dicionario de uso como o de María Moliner para o español, ou ideolóxico, como o de Julio Casares, para a mesma lingua.

Deixaremos para outro día referirnos á necesidade de modernizar definicións, á vista das novidades filosóficas ou de análise económica non do século XXI, senón do século XIX!

Comentarios