luns 01/03/21

Devolución

Sería boa cousa podermos falar dunha devolution á galega, como a escocesa por parte británica, mais non é do caso, non houbo nen hai tal. Si que falamos, claro está, dunha historia de noso que hogano merece todos os parabéns, pois este noso diario –naipelo hai un ano– é xa un rapaz cumprido neste 2021 en que inicia o segundo da súa andaina. Que sexa por moitos máis! A devolución a que nos imos referir é a que realizou o Museo Provincial de Pontevedra no mes pasado: dous cuadros requisados polos nazis durante a ocupación de Polonia na segunda guerra mundial e agora devoltos a este país. Trátase, seica, dun díptico de tema relixioso, atribuído a un pintor holandés, cuxas dúas pezas chegaran ao museo dentro da colección Fernández López. A devolución foi cualificada por parte das autoridades da Deputación e do Museo de “restitución histórica”. O director do Museo expresou a súa preocupación por o Ministerio de Cultura de Polonia recoñecer aquel como adquirente de boa fe e, agora, actuar de acordo coa normativa internacional e co código deontolóxico do Consello Internacional de Museos. 

Poucos días despois, o mesmo centro volve ser noticia, pola adquisición das estampas orixinais do álbum Nós, de Castelao, que xa cumpriron os cen anos como tais e que están a piques de faceren os noventa da súa edición conxunta (Madrid, 1931). Vímolas hai uns anos, así como outras pezas orixinais do autor, e ficamos impresionadas pola altísima calidade duns orixinais que, na nosa edición, tiñamos visto centos de veces. Tal nos pasara tamén no seu día coas estampas dos álbuns de guerra, atesouradas igualmente no mesmo museo. Segundo lin neste diario, a familia proprietaria do álbum non quer que se revele a súa identidade nen o prezo que acadará a compra, compra que, en todo caso, digo eu, se pagará con diñeiro público. Paciencia e resignación. O asunto levoume, máis unha vez, a pensar no tempo en que nós, galegas e galegos, tardamos en nos adonar do noso patrimonio colectivo: pasamos dun século ao seguinte, e a parsimonia continúa. “Muito me tarda / o meu amigo na Guarda”: el será que, no canto de ser refrán da belísima cantiga medieval, é fado eterno? Sempre a agardar por unha devolución que non chega ou é lentísima.

Ocórreseme, por isto, e contando coa benevolencia da directora deste xornal, converter este artigo nunha carta aberta, dirixida á presidenta da Deputación de Pontevedra, Dª Carmela Silva; ao seu vicepresidente, D. César Mosqueira e ao director do Museo, D. Xosé Manuel Rei:

Estimadas autoridades que me representan como galega: solicito de novo, simplesmente na miña condición de tal, galega, amante das cousas da Terra (volvo ao XIX), se dignen conceder a Castelao o espazo-categoría que merece, como grande da Galiza, no Museo de Pontevedra. Se este Museo, en palabras da presidenta da Deputación, é o “Museo Nacional da Galiza”, que menos que dedique un dos seus edificios á obra do ilustre artista, para a podermos contemplar en cantidade e variedade suficientes.
Respóndanme, por favor, se esta petición poderá ser atendida antes do século XXII en que, con toda seguranza, xa non estarei neste mundo. Obrigada.

comentarios