venres 26/02/21

Decembrar

Hai palabras que asocio inevitabelmente a unha persoa. A que titula este artigo lévame a un vello amigo, supoño que por lla ter ouvido ou lido. Veume o acordo ao me decatar de que este artigo sairá no día que inaugura novo mes, o derradeiro deste ano que tantos adxectivos negativos leva acumulado. Posta a fabular, oxalá que unha decembra ben forte varrese a inclemente pandemia, que dese en decembrar para que a auga purificadora fose quen de lavar tanta doenza e de evitar tanta morte. Mais non podendo usar da fábula como remedio, haberemos de nos ater a formas e fórmulas que son prosaicamente políticas e que se chaman orzamentos, atención social, mantemento do emprego, atención sanitaria presencial, aumento de persoal e de recursos clínicos... Que se chama tamén, en unión indisolúbel, dereito e deber do uso público da lingua galega ou atención debida á cultura en toda a súa variedade e pluralidade, non como sucedáneo ornamental das grandes alienacións multifinanciadas senón como alimento indispensábel para bípedes humanos.

Unha amostra daquela variedade e pluralidade que predicamos como epíteto para a cultura é o libro titulado Setenta ideas para a (pos)pandemia, que acaba de editar Catroventos. Son setenta páxinas que inclúen textos xa publicados de Manuel Outeiriño, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro Ojeda e Iolanda Teixeiro Rei. A recente edición a que me refiro complétase cos contributos de Manuel Fernández Blanco, María Xesús Nogueira e unha servidora, así que disimulen, se a ben o tiveren, a explícita propaganda. O que se nos pediu foi un decálogo de ideas ou de apontamentos sobre o macroacontecemento que está a definir este 2020, un ano que podemos enunciar como dous mil vinte ou como vinte-vinte, nunha repetición que semella funesto indicio da que provoca a non interrompida crise sanitaria. As colaboracións son, como o prologuista Fernando Ramallo indica, absolutamente libres e descoñecedoras unhas das outras. Atrévome a dicer que, aínda atendendo o requerimento que se nos fixo, cada unha delas oferece tamén unha sorte de autorretrato ou talvez de confirmación de motivos que noutros escritos de cada quen teñen aparecido como recorrentes.

Hai moitas ideas e moitas suxestións que merecerían ser comentadas. Voume limitar a facelo con unha que pertence ao psicólogo e psicanalista Manuel Fernández Blanco e que di así: É sorprendente como as autoridades “non viron vir” o que, por outra banda, nos dicían que ía vir. Isto constitúe un bo exemplo da paixón pola ignorancia, que non se caracteriza polo non saber, senón por ignorar o que se sabe. Esta ignorancia activa pode manifestarse en diferentes versións, respondendo a diferentes políticas. Encóntroa absolutamente reveladora e, por certo, aplicábel non só ao ano e á crise que nos ocupa senón a outras realidades ben coñecidas de nós, galegas e galegos. Somos tantas veces vítimas dunha “ignorancia activa”, a comezar por negar o que somos ou por teimar en que se note o menos posíbel. Cando este exercicio matador se perpetra e executa por quen ten responsabilidades de representación e de goberno, non hai decembra que o lave.

comentarios