Opinión

De letras e sons

O que vou referir é recente, pertence a actos públicos ou a libros publicados e é relativo á lingua española. Unha catedrática universitaria falou das “sufraguistas”; unha colega, igualmente catedrática de universidade, afirmou “sin ambagues”; unha terceira escrebe “varonesa” e “Nimia” (no canto de Minia, o nome da personaxe); un catedrático español de varias universidades estranxeiras usa do laísmo a esgalla (debe de ser que a RAE xa levantou o veto), escrebe “hoyado” en lugar de “hollado”, “ex catedra” (falta o h), L’ Assomoir (falta un m), incorre en solecismos... De certo, a fonética e a ortografía españolas andan algo zapateadas a teor destes exemplos. Ben sei que, en materia de faltas, é mellor ser prudente, porque a detección pode ser boomerang. Sempre lembro a anécdota daquel compañeiro que incorporou un colofón onde indicaba que o seu libro fora exhaustivamente corrixido para evitar grellas (isto é, grallas). Vinga dos trasnos tipográficos! Ora ben, onde existe consenso deformador é na reprodución de topónimos galegos de obrigada mención na bibliografía pardobazaniana. Lemos con toda naturalidade “La Coruña”, “Orense”, “Carballino”, “Sangenjo”: vese que no século XXI ilustres tratadistas da escritora aínda están no XIX. Hai quen practica o bilingüísmo harmónico (léase: bífido): “Carballino (O’ Carballiño)”; “Sangenjo” (Sanxenxo)”. Tal cal.

Veñamos agora onda nós. Vaia por diante que estimo en todo o que valen os comentarios que merecen artigos dunha servidora, máxime se van asinados e existe así unha relación de igualdade onomástica entre autora e comentarista. Hai, é certo, quen fala de ouvidas cando me convida a “rectificar a historia” para me instar a outra práctica gráfica, esquecendo que o meu libro que celebra Carvalho Calero e utiliza no título esa súa frase lapidaria, contén, por exemplo, un estudo académico, en portugués canónico, sobre unha obra de teatro do gran clásico galego. Mais a cuestión que quero suscitar é a seguinte. Se eu admito como viábel, lóxica e practicábel a grafía do galego histórico ou do portugués moderno, é de supor que a admisión á inversa debera funcionar, sempre e cando estexamos a falar-escreber galego, non castrapo. Se eu escrebo Feixoo, Raxoi, Sanxenxo... é mesmamente porque estas grafías garanten a correcta pronuncia. Chámame a atención que non se subliñe este aspecto por parte de quen opta por grafías con g-j. Dáse a circunstancia de que o galego moderno enxordeceu as antigas sonoras e, por tanto, os pares fonolóxicos do galego do Sul (léase portugués) non existen. Face ao par caixa / geral, nós mantemos o son do primeiro vocábulo. Para os nosos viciños-amigos portugueses, unha boa pedagoxía do galego abondaría con que informase de que o noso son é como o dos seus (e nosos) seixo, teixo, caixa, xarope etc. Como unha boa pedagoxía do portugués –sempre desde o galego– debería garantir a boa pronuncia dos g, j, ç, lh ou nh. Levamos décadas de retraso. A escrita dunha lingua é fundamental e ese é o noso maior défice, mais toda lingua é, primariamente, oral, fala. No noso caso, submetida a un longo e persistente proceso de deturpación, de castellanización.

Un algo de flexibilidade, pois, xa que estamos a falar todos (supoño) da recuperación do galego, que é a matriz do sistema que a precisa.

Comentarios