Opinión

“Cumprimento espontâneo de obrigação natural”?

Ainformación regular que temos do que acontece aquí ao lado é limitadísima e, tantas veces, mediada pola relación dos dous Estados respectivos. Aquí ao lado é Portugal, o que pertenceu á Galiza histórica en gran parte do seu territorio e o que continuou mantendo fluídas relacións co norte galego durante moito tempo. Hoxe, a despeito dos mitos e mantras da UE e do pretenso desaparecemento de fronteiras (que llelo digan, sen ir máis lonxe, ás traballadoras e traballadores de un e de outro lado da raia), a ignorancia mutua Galiza-Portugal semella medrar. Chamo a atención por isto dunha nova xudicial portuguesa que coido que posúe todo o interese. O Supremo Tribunal de Justiça "confirmou a condenação de um homem ao pagamento de mais de 60 mil euros à ex-companheira pelo trabalho doméstico que esta desenvolveu ao longo de quase 30 anos de união de facto". Na sentenza, o Alto Tribunal xulga que o exercicio da actividade doméstica e do cuidado dos fillos exclusiva ou esencialmente por parte de un dos membros desa unión, deriva nun verdadeiro empobrecemento deste e na correspondente liberación do outro da realización desas tarefas. Mais, atención, esta sentenza revoga a ditada, en primeira instancia, polo Tribunal de Barcelos, que considerou que non cabía pagamento algún polo traballo doméstico da muller, xa que "Não sendo o trabalho despendido no lar judicialmente exigível no âmbito da união de facto, a sua prestação como contribuição para a economia comum configura-se como cumprimento espontâneo de obrigação natural". Como indiquei, o Tribunal Supremo nega tal aserto e refere que en situacións de evidente desequilibrio "não é possivel considerar que a prestação do trabalho doméstico e os cuidados, acompanhamento e educação dos filhos correspondem, respectivamente, a uma obrigação natural e ao cumprimento de um dever". A maior abondamento, subliña que "o trabalho doméstico, embora continue a ser estranhamente invisível para muitos, tem obviamente um valor económico e traduz-se num enriquecimento enquanto poupança de despesas".

Velaí a nai do año. Voltemos á nosa terra. A povoación de idade superior a 65 anos (687.446) é a ¼ parte (ou máis) do total galego. Descoñezo a cifra de cantas mulleres, nesta faixa etaria, dependen da pensión do home ou da de viuvez. En todo caso, para elas e eles, a mingua de ingresos coincide co aumento de gastos (atención médica, farmacia, dependencia...). No delas, se non hai ingresos autónomos, por exiguos que foren, a dependencia conxugal (ou familiar) faise aínda meirande. Se o traballo de toda unha vida constituíu unha sorte de complemento salarial, nunca recoñecido, mercé ao cal o salario masculino podía render para dispor duns servizos que a prezo de mercado serían inaccesíbeis, non sería cousa de valorar que as mulleres en tal situación puidesen cobrar unha pensión non contributiva ou outra figura de atención social, en nome dun traballo real e continuadamente realizado?

Ministerio de Igualdade, secretarías, direccións xerais e observatorios varios: eu non sei a ciencia certa a que se dedican. Será isto merecente de atención política? 

Comentarios