Opinión

Crítica cítrica

Ambas palabras partillan letras e rima asoante. Cabe falar dunha crítica cítrica, por aceda, aínda que, ben mirado, as froitas cítricas non teñen culpa nengunha (ben saborosas que son) e mellor acairía falar de crítica 'cicútica', por chea de preconceitos e de falsías. De todo hai e Carvalho Calero non podía deixar de a padecer. Era esperábel. De todos os xeitos, nos derradeiros días decembrinos, a Real Academia Galega –institución responsábel da escolla de destinatario-a do Día das Letras Galegas– xa celebrou solemnes funerais polo dedicatario deste ano, ben que, magnánima, admite que no presente 2021 continuará a celebración sociocultural. Madia leva!: hai vida humana fóra da RAG; todo aponta a que é así, e a variedade e pluralidade de iniciativas que houbo e hai arredor do escritor e profesor Carvalho demostran, por certo, canto dá de si a súa traxectoria e obra. Na negativa a estender a este ano a celebración carvalhiana, solicitada por múltiplas voces, cómpre recoñecer que a oficialidade cultural galega é moi pouco europea, malia ser, abofé, tan europeísta. Vexamos, a fume de carozo: Brunelleschi, Rafael (o artista, non o cantante), Beethoven, The Beatles, De Gaulle, Lenine (si, Rusia tamén está no continente europeo, seica)... son nomes asociados a diferentes efemérides no 2020, cuxa celebración, por razóns obvias, alongarase no 2021. Mais, aquí, entre nós, tal posibilidade... anatema sit. Vaia por Deus!

Outros ofician funerais á súa maneira. Xosé Manuel Dasilva, no penúltimo nº da revista Grial, ten a ben ocuparse de Carvalho Calero como "xuíz" d' A esmorga e, por tanto, de Blanco Amor. O crítico Carvalho é tan susceptíbel de crítica como calquer outro, faltaría máis. Pouco creto terá, porén, a crítica cítrica se ela reborda malevolencia, citas nesgadas e adoración acrítica dos seus debeladores. Ora, servidora tamén se ve envolvida nesta operación. Nota a rodapé: "Nunha extensa compilación do labor de Carballo Calero en calidade de crítico literario, editada hai pouco co título Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación por Edicións Laiovento, é asombrosa a ausencia, deliberada ou non, do artigo "El testimonio del picapedrero", o cal ten versión en galego do autor, como xa se dixo". Pleno ao quince!. Mínima escolma: 48 textos de centos de artigos e estudos do autor; libro publicado na súa 1ª edición hai dez anos; para nada é colección de artigos de crítica literaria; en nome de que tería de aparecer, a fortiori, un artigo como o mencionado? Dentro de que honestidade intelectual cabe citar un libro omitindo o nome da autora? "Asombrosa ausencia, deliberada ou non". Mellor, rir...

Xosé Antonio Fraga publica no 31 pasado un artigo dedicado a Dª Emilia Pardo Bazán. Días despois merece a contestación de José Mª Paz Gago, como réplica "al libelo" do anterior. Mal anda de semántica este profesor, porque todas e cada unha das afirmacións contidas no artigo de X. A. Fraga son certas e documentábeis, absolutamente todas, por tanto, non teñen a ver coa función infamante ou denigratoria dun libelo. Son evidencias dun retrato ideolóxico-moral. Máis veleno penalizador. 

Comentarios